ponteareas

Os escaparates de Ponteareas exhibirán flores artesanais do alumnado de Asprodico

Alumnos do taller ocupacional Asprodico de Ponteareas, confecionaron preto de 200 flores que engalanarán os comercios asociados á Federación de Comercio de Ponteareas. Alumnos e alumnas do centro levan quince días traballando arreo cun único obxectivo, que as súas flores florezan antes que o Corpus.

Traballadores implacables e perfecionistas, os once alumnos do taller ocupacional Asprodico impregnáronse este ano, máis que nunca, do arrecendo do Corpus de Ponteareas e confecionaron de xeito artesanal preto de 200 flores de papel para engalanar os escaparates dos establecementos membros da Federación de Comerciantes de Ponteareas.

Guiados por Ana Belén e Rocío sacaron o traballo adiante sen desantender as súas actividades diarias que non son poucas: hípica, horta, ximnasia e múltiples traballos artesanais que logo comercializan en datas sinaladas.

Grazas á iniciativa da Concellería de Benestar Social e á Concellería de Comercio, xestionadas por Verónica Carrera e Inés Vidal, respectivamente, este ano boa parte dos locais amosarán xunto co cartel do Corpus estas flores feitas por mans voluntarias. Aos alumnos de Asprodico uníuse a Asociación de Maiores de Ponteareas que tamén quixeron aportar o seu gran de bo facer e de boa colaboración.

“Este goberno ten a intención de que o Corpus de Ponteareas chegue a cada rincón da vila e que todos os colectivos sintan como seu a arte de alfombrar. O noso obxectivo é conseguir que todos os veciños e veciñas se sentan orgullosos desta Festa de Interese Turístico Internacional que leva o nome da vila polo mundo adiante”, explica Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social.

Que a arte floral e o Corpus sexa un arrecendo que flúe por tódolas veas do concello é un dos propósitos do equipo de goberno que, este ano, fixo un primeiro achegamento ás escolas, engalanará o concello e os comercios pertecentes á Federación de Comercio con flores, lucirá os carteis nos autobuses da ruta escolar e proxectará vídeos promocionais en autobuses en ruta.

Nestes días, a Concellería de Comercio procederá á entrega das flores á Federación de Comercio de Ponteareas que tamén colocará carteis específicos con novidosas propostas para as festas do Corpus.