ponteareas

Ponteareas, Vila Cardioprotexida

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, e o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, fixeron entrega no día de onte dos diplomas do curso sobre o funcionamento dos dispositivos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) desenvolto dende comezos do mes de abril.

En concreto foron tres bombeiros, un policía local e tres traballadores municipais de instalacións deportivas os que realizaron con éxito este curso, que estaba homologado pola Consellería de Sanidade dependente da Xunta de Galicia.

Ambos concelleiros agradeceron aos traballadores a súa implicación e destacaron o compromiso que tiveran e as ganas que amosaron de cara a mellorar a súa formación neste eido.

Ponteareas Vila Cardioprotexida
Este curso enmarcábase nun proxecto iniciado pola Concellería de Seguridade Cidadá para facer de Ponteareas unha vila cardioprotexida. O seu obxectivo era mellorar a formación de diversos traballadores municipais. Debemos recordar neste sentido que o Concello víu de instalar, este ano, tres desfibriladores de última xeración nos campos de fútbol de Pardellas, Angoares e Areas, instalación deportivas de grande afluencia e utilización.