ponteareas

Ponte a Portu-Gal, semana da cultura galego portuguesa en Ponteaeras

O Concello de Ponteareas, desenvolverá, do 20 ao 23 de abril, a iniciativa que baixo o nome de 'Ponte a Portu-Gal', busca amosar as expresións culturais comúns que unen a Galicia e Portugal e a converten nunha zona de desenvolvemento socio e cultural compartido.

As actividades comezarán o xoves 20 de abril na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal coa inauguración, ás 20:30 h, da exposición fotográfica ‘Aos Olhos de Eduardo’ do fotógrafo Eduardo Teixeira Pinto.

O venres 21 de abril ás 21 horas e tamén na Sala Multiúsos do Auditorio, terá lugar a proxección do documental ‘Galegos en Lisboa’ de Xan Leira.

O sábado 22 de abril, ás 20 horas, a Sala do Auditorio acollerá a proxección do documental da realizadora Diana Gonçalves, ‘Mulheres da raia’ para, deseguido, desenvolverse unha charla coloquio sobre o documental.

Ás 22 horas, e no Auditorio Municipal, terá lugar un máis que interesante concerto no que participarán Galandum Galundaina de Porgutal e Caxade de Galicia.
O domingo 23 de abril, data na que se pecha este Ponte a Portu-Gal, as actividades comezarán ás 18:30 horas. Con saída dende a Casa do Concello, os grupos Longos Vales de Portugal e Agarimos da Terra de Galicia, protagonizarán unha ruada ata o Auditorio Reveriano Soutullo onde, a partir das 19 horas, ofrecerán un concerto.

O concerto estará presentado por dous regueifeiros ou cantores a desafío de sona internacional: Augusto Canário e Luís Caruncho, que facendo un oco nos seus múltiples compromisos, non quixeron perderse a oportunidade de estar en Ponteareas neste encontro entre pobos irmáns aos que, como se dixo en máis dunha ocasión, “o Minho une moito máis do que separa”.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, subliñaba a importancia de actividades como estas nas que queda de manifesto, afirmou, “que Galiza e o norte de Portugal comparten historia, tradicións e costumes similares e que forman unha área con enormes posibilidades de desenvolvemento socio económico conxunto que debemos aproveitar e potenciar”.
O goberno local agradeceu a colaboración na organización desta semana da asociación “Ponte nas Ondas” así como Fernando Groba, lector do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho.

Augusto Canário
Músico, compositor. Fundador do grupo Cantares do Minho. É un dos máis populares cantores ao desafío do Norte de Portugal

Galandum Galundaina
É un grupo de música  tradicional de Midanda do Douro creado en 1996 co obxectivo de recoller, investiga e divulgar o patrimonio musical, as danzas e a lingoa das terras de Miranda. O grupo actúa como elemento de unión entre a antiga xeración e a xeración máis nova, asegurando dese xeito a continuidade da rica tradición cultural desta rexión que, durante anos, correu o risco de caer no esquecemento.

No 2001 editaban o disco 'L Purmeiro'. 2005 é o ano de 'Modas I Anzonas'. No 2006 lanzan o DVD 'Galandum Galundaina ao Vivo'. Xa no 2010 é editado 'Senhor Galandum'. Receben o Prémio Megafone 2010 e o disco foi recoñecido polos xornais Público e Blitz como un dos dez mellores albumes nacionais do ano. No 2015 editan 'Quatrada', o cuarto disco do grupo.