ponteareas

O 20 de xuño comeza o X Open Vila do Corpus de Tenis

As pistas da Freixa de Ponteareas acollerán, entre o 20 de xuño e o 30 do mesmo mes, os partidos correspondentes ao X Open Vila do Corpus de Tenis que foi presentado na vila do Tea o pasado día 10. Os encontros disputaránse en base á división realizada en tres bloques diferenciados entre si: Vila do Corpus Promesas, Vila do Corpus Feminino e Vila do Corpus Masculino.

O Vila do Corpus Promesas acollerá as categorías de benjamin, alevín, infantil, cadete e junior, tanto en masculino como en feminino. Espérase contar cunha ampla representación de nenas e nenos de todos os clubs galegos.

No Vila do Corpus Feminino destaca a xa confirmada participación de Carla Do Barrio, número dous da clasificación galega. Esta nova tenista xa disputou este torneo con anterioridade, vencendo en dúas ocasións, e a partir do próximo mes de agosto continuará a súa formación na Universidade Wolf Parck de Neveda (Estados Unidos). Isto mesmo ocorre no Vila do Corpus Masculino, onde destaca a participación do asturiano Roberto Menéndez, quen chegou a posicionarse no número 292 do clasificación ATP e na actualidade é o campión do mundo +40 ITF. A este xogador espéraselle no cadro principal, na categoría absoluta, xa que tamén se contará con outras dúas de veteranos +35 e +45.

Ademais desta figura, destacan outras a nivel nacional: o madrileño Ricardo Villacorta, no posto 517 ATP e vencedor de numeroso torneos ITF nacionais, e o valisoletano Jorge Hernando, no posto 612 ATP e tamén gañador dos citados torneos nacionais. A nivel autonómico destacan Tomás Curras, número uno na clasificación galega; Yago Salvador Pita, cuarto; Roberto Rodríguez, quinto, e o actual defensor do título Open Vila do Corpus Simón Arca, recentemente chegado do seu primeiro ano universitario en Estados Unidos.

Con respecto a aqueles que resulten campións ou finalistas do torneo, estes recibirán os seus respectivos trofeos. Ademais, repartiranse un total de 1.500€ en premios en metálico nas categorías Absoluto Masculino e Feminino.

A inscrición continúa aberta ata o próximo 18 de xuño na páxina web ibertenis.com.