ponteareas

Máis de dous mil persoas benefícianse das melloras da piscina municipal de Ponteareas

Máis de dous mil usuarios/as da piscina municipal benefícianse dende esta semana dos resultados da posta en funcionamento da nova instalación climatizadora. Nas últimas semanas, o goberno de Ponteareas actualizou os equipamentos da piscina municipal e instalou unha nova climatizadora que reduce a condensación e mantén a temperatura axeitada tanto dentro como fóra da auga.

Para garantir un servizo óptimo aos usuarios e usuarias e pechar as instalacións o menor tempo posible, a empresa adxudicataria instalou a nova climatizadora próxima ao emprazamento da anterior acurtando así os tempos de obra e instalación.

O importe total desta obra, que saíu a licitación por 146.255,51€, pechouse en 109.603,01€ conseguindo un aforro de 36.652,2€. Esta nova obra está financiada con fondos do Plan Concellos 2018/2019 e fondos dun préstamos sen intereses.

“Ter unha economía saneada e a confianza do resto das administración e organismos públicos permítenos ofrecer importantes melloras nos servizos á cidadanía, como esta obra da piscina que é unha instalación moi frecuentada pola cidadanía e que acolle eventos deportivos que atraen a milleiros de persoas de fóra da vila”, explica o alcalde en funcións, Xosé Represas.

O alcalde, a tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes (todos eles en funcións) visitaron a piscina da man do xerente de INSDEGA (empresa que xestiona o complexo deportivo Álvaro Pino) para revisar as melloras realizadas. Durante a visita a tenente de alcalde en funcións, Chus Garrote, adiantou que seguirán acometéndose novas obras de mellora das instalacións do complexo deportivo Álvaro Pino ao que pertence a piscina municipal.