ponteareas

Ponteareas, fin de ciclo

Dicíame a min un concelleiro da oposición de Ponteareas, "xa veremos cando cheguen as eleccións, as municipais poñerán a cada quen no seu lugar". Tal cual! Evidentemente, supoño que non se referiría aos resultados do PP que só se poden cualificar de descalabro e que dende as eleccións do 2011, deixouse catro concelleiros/as polo camiño quedándose, desta volta, con cinco representantes. Mentres, o BNG, cunha lista máis que estudada e 'potente', subía de 5 concelleiros/as a 9 o que lle permitirá gobernar con comodidade contando cos tres representantes socialistas.

Ben é certo que a posición do PP era, máis que incómoda, difícil. É complexo aparecer ofrecendo unha chea de proxectos que, de querer facerse, poderían terse feito nos catorce anos anteriores que estiveron no Goberno. Proxectos, como o do famoso aparcadoiro soterrado que tivo que ser abandonado, polo propio PP, porque non houbo empresas interesadas en realizalo, ou o parque acuático que, xa no seu momento, tentara realizar o exalcalde González Solla no 2011 e que tamén tivo que ser abandonado por inviable.

En todo caso, os datos de Ponteareas merecen un estudo detallado. Sorprende, e sorprende moito, a desaparición do mapa político municipal de EU, que durante a lexislatura e na figura do seu concelleiro Lino Costas, aportou ideas, diálogo, sensatez en moitas ocasións, e firmeza en outras tantas. Ese traballo, auguráballe uns bos resultados e, de feito, nos primeiros compases do escrutinio, dáballe mesmo dous representantes que, por outra banda, era o que se barallaba a pe de rúa.

Logo, a triste realidade é que queda fora da nova corporación –habería que buscar o motivo en que EU non se presentara en solitario a estas eleccións?– e o Concello perde un concelleiro capaz, honrado traballador, tremendamente correcto con todos e todas.

Mentres, ACiP, ao que moitos e moitas daban por morto e enterrado, voltaba a acadar 4 concelleiros e mételle o medo no corpo aos populares aos que lle, por uns momentos, amenazoulles o seu lugar como líderes da oposición.

Queda claro, polo tanto, que os veciños e veciñas de Ponteareas non queren 'Puenteareas como siempre fue', senón que optan por unha Ponteareas máis humanizada, onde as persoas teñan preferencia sobre os vehículos e onde os servizos básicos e servizos sociais, primen sobre dubidosos macroproxectos.