ponteareas

A falta de maioría impide ao Goberno de Ponteareas levar o PXOM ao Pleno

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote cos planos do PXOM O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote cos planos do PXOM

As forzas políticas do Concello de Ponteareas pronunciáronse onte, na comisión de urbanismo, sobre a posible aprobación do PXOM no pleno ordinario da vindeira semana. O Partido Popular, ACIP e Esquerda Unida, que suman 11 edís, opuxéronse á aprobación do Plan mentres BNG, PSOE e A Riada do Tea, que contan con 10 edís, amosáronse a favor de aprobalo de inmediato. Xosé Represas asegura que, coa súa postura, "o PP rompe o consenso acadado no 2016 cando PP, BNG e PSOE aprobaron o Plan en sesión plenaria".

O Partido Popular rexeitou a aprobación alegando que os cambios introducidos no Plan "son sustanciais e que se require máis tempo para analizalos e expoñelos ao público". O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acusou aos populares de “prexudicar a economía local e antepoñer os seus intereses políticos e electorais ao interese de Ponteareas e da veciñanza”.

Represas considerou lamentabeis as “excusas” do PP xa que, asegurou, “tiveron doce anos para aprobar o Plan Urbanístico e non o fixeron, tiveron un ano para convencer á Xunta para que aceptase o Plan que fora aprobado polos tres partidos en Ponteareas e tampouco o fixeron e agora que queremos aprobar o Plan que nos impón a Xunta do PP, tamén se negan”.

O alcalde ponteareán lamentou que na comisión informativa “Belén Villar non abríu a boca nin deu a cara, encargándose Salvador González Solla de explicar a postura do PP, unha atitude que demostra a covardía e a falta de peso político de Belén Villar que prefire esconderse detrás do exalcalde”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, explica que “dende o mes de novembro que se lle entregou a documentación, antes que a ningún veciño, e que se lle deu tempo para detectar erros, non presentaron ningún documento con temas concretos. Unha vez máis reiteramos na comisión de urbanismo, que non tiveron vontade de resolver o PXOM”.

A ausencia de maioría suficiente para aprobar o Plan impide ao Alcalde levalo ao Pleno da vindeira semana, como pretendía. Represas apelou aos ponteareáns para que “poñan a cadaquén no seu sitio e dean unha maioría suficiente aos que queremos sacar adiante o Plan Urbanístico”.

EU defende un PXOM "enfocado na calidade de vida"
Esquerda Unida de Ponteareas asegurou hoxe que o PXOM que se pretende aprobar é "herdeiro do proxecto de Castro" centrado "no crecemento por riba de consideracións ambientais". O documento urbanístico baséase, ao entender de EU, "na política de vivenda impulsada por Aznar que consideraba que aumentando a oferta de solo edificable o prezo da vivenda se reduciría, e a realidade estoupounos na cara: especulación e desafiuzamentos foron o resultado".

A intervención da Xunta de Galicia "que tivo que facelo para mitigar un afán de expansionismo desenfreado", apunta Esquerda Unida, tanto así que pese a redución da previsión de crecemento obrigada pola admininstración autonómica, o PXOM de Ponteareas supón a creación de "4.518 novas vivendas que, sumadas ás 2.288 vivendas baleiras (datos do INE do ano 2011), supoñen un crecemento potencial de máis de 17.000 persoas ata o ano 2034", apunta EU.

Para a formación que representa Lino Costas no Concello de Ponteareas, este PXOM "protexe os intereses dos propietarios de solo entorno ao núcleo urbano, obviando consideracións medio ambientais que sinalan a necesidade de preservar o solo natural e agrícola" e achega como dato que nos últimos cinco anos a poboación de Ponteareas minguou en 555 persoas, o Instituto Nacional de Estadística (INE) prevé que a provincia de Pontevedra terá 34.267 persoas menos no ano 2034. "Con estes datos, o goberno de Ponteareas considera que a poboación do concello aumentará en máis do 74% nos próximos quince anos".

Esquerda Unida é consciente da necesidade dun plan xeral, pero mantén a súa postura "e non apoiará un plan expansivo e lesivo para o medio ambiente". "EU, como organización ecoloxista, defende a rehabilitación ante a nova construción. No contexto ambiental e económico actual, só cabe propor plans enfocados na rexeneración do tecido existente, os plans expansionistas son un pesadelo do pasado", afirman.

Actualmente o casco urbano de Ponteareas presenta un centro histórico "abandonado e degradado, a carencia de solo urbano da ordenación provisional vixente debe aproveitarse para focalizar os esforzos na reconstrución do centro histórico". Para a Esquerda Unida Ponteareas, o mellor modo de conservar o patrimonio "é mediante o seu uso, dotando ao centro de equipamentos e vivendas eficientes enerxeticamente, nun espazo público de calidade" polo que Esquerda Unida anunciou a súa intención de defender, ante a Xunta, que se declare unha área de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) en Ponteareas.

Outras eivas do urbanismo da localidade son "a falta de solo industrial e os accesos ao núcleo a través de estradas con elevado tránsito peonil", problemas que non se solucionarán mentres non se axuste o PXOM á realidade demográfica e económica de Ponteareas.