ponteareas

O Festival de Jazz de Ponteareas incorporará unha master class de Víctor Prieto

A concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Hortensia Bautista, presentou xunto coa asociación de hostaleiros e de Banastra, unha nova edición do festival de jazz que terá lugar do 31 de maio ao 2 de xuño nas rúas e prazas de Ponteareas. Unha nova edición na que a Concellería reafirma a súa aposta "por ofrecer variedade, por levar as actividades ao espazo público exterior e por arroupar e ofrecer un escenario non só aos músicos profesionais se non tamén aos aprendices".

O venres 31 de maio terá lugar de 11 a 14 horas e de 17 a 19 horas no auditorio municipal unha máster class do recoñecido acordeonista Víctor Prieto. Ás 21 horas na Fonte do Bartillo, actuación dos músicos participantes no Máster Class e ás 22 horas no Paseo Matutino, organizado por Banastra e a asociación de hosteleiros en colaboración coa concellería de Cultura actuará o grupo “Lakazans”.

O sábado día 1 de xuño a praza Maior será o escenario da “Big Band Xingro´s” ás 22 horas e ás 23 horas actuará o grupo do acordeonista internacional Víctor Prieto.

O domingo día 2 de xuño tamén na praza Maior ás 21 horas actuará Lucía Martínez cuarteto & Enrique Martínez con “Plegaria”, a continuación a partir das 22 horas será o turno de “Sumrra”.

Hortensia Bautista agradeceu a colaboración "tanto da hostalería coma do comercio local ademais da indispensable axuda do director artístico do festival Alberto Vilas".

“O festival de Jazz de Ponteareas acada nesta edición a súa madurez presentando un programa con figuras de traxectoria internacional. O cartaz deste ano é comparable ao de calquera festival da península, exceptuando os grandes festivais. Ademais volve contar cunha importante representación da muller e fai fincapé na importancia do ensino contando cunha máster class totalmente de balde para quen queira asistir e a participación dunha Big Band formada principalmente por alumnado”, explica Alberto Vilas.