ponteareas

Chus Garrote advirte que o PP "quere dilatar a aprobación do PXOM"

A candidata socialista e Concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, advirte que "o Partido Popular so quere dilatar a aprobación do PXOM e confundir á cidadanía actuando de maneira irresponsable a súa voceira Belén Villar nas súas funcións como concelleira da oposición". A concelleira socialista lémbralle á popular Belén Villar que "en novembro de 2018 abriuse un período de detección de erros para todo o mundo, canto máis para os concelleiros da oposición aos que se lles trasladou o documento nese mesmo mes contando tamén con liña directa co equipo redactor".

Ademais, tamén foi anunciado e publicado o prazo de peche de recollida de erros que como é lóxico non pode ser eterno.

A tenente de alcalde adianta que dende a súa concellería apostaban pola celebración do pleno porque todos os actores desta lexislatura fomos coñecedores da evolución do documento. “Sempre dixemos que este PXOM contaba co consenso das tres forzas máis votadas deste concello e na procura dese consenso, por iso, ante esta nova solicitude de tempo non teño inconveniente en ampliala un par de semanas máis, sempre e cando se comprometan a facer o traballo que non fixeron nestes meses e a presentar propostas serias e rigorosas”.

Chus Garrote advirte que non vai consentir que o Partido Popular xogue a perder o tempo e a pór atrancos, “se agora hai un documento avanzado, que se axusta aos requirimentos da Xunta e co que podemos comezar a desbloquear o crecemento de Ponteareas, non imos permitir que nunha xogada electoral ralenticen unha vez máis a xestión deste goberno”.

Respecto ás supostas parcelas recalificadas, a tenente de alcalde esíxelle a Villar que diga de que parcelas se trata e donde ven “a suposta recalificación da que falan. O Partido Popular de Belén Villar ten o costume de falar con suposicións e irrealidades sen os feitos nas mans” e o que se lle recomenda e que se poña a traballar para ir mandando o equipo redactor as propostas concretas para que a empresa redactora GOC conclúa e non dilatar eternamente a aprobación do mesmo.

BNG: "Villar pon os seus intereses políticos por diante dos de Ponteareas"
O BNG de Ponteareas, a través de Roberto Mera, número tres da candidatura dos nacionalistas ás eleccións municipais, lamentou que o PP “se negue agora a aprobar o PXOM” e acusou a Belén Villar “de antepoñer os seus intereses políticos e electorais aos de Ponteareas”.

XoseRepresas CristinaFernandez RobertoMera

Roberto Mera (á dereita), número 3 da candidatura do BNG de Ponteareas, xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Ensino, a tamén nacionalista Cristina Fernández

O nacionalista considera unha “tomadura de pelo que Villar pida agora a exposición do PXOM, reunións, planos e máis tempo, cando os cambios impostos pola Xunta son públicos desde decembro. Os colectivos e centos de veciños consultaron os cambios e presentaron escritos, e incluso outro partido da oposición visitou as parroquias cos planos. Sen embargo, a señora Villar non pegou golpe nin abriu a boca porque en lugar de traballar leva meses de campaña electoral, paseando de festa en festa”.

Mera cualifica de “desfachatez” que Villar acuse ao goberno de Represas de incompetencia. “En 2016, co actual goberno, aceptáronse a maioría das alegacións da veciñanza e aprobouse provisionalmente o PXOM. Este goberno sacou adiante en oito meses o Plan que o PP, Solla e Villar tiveron paralizado durante doce anos”.

O número tres da candidatura do Bloque lembra que “a Xunta, por lei, tiña 3 meses para aprobar definitivamente o Plan, tardaron un ano e aínda por enriba rexeitárono e impuxeron, mediante unha orde oficial, enormes recortes que son públicos e se poden consultar na web da Consellería”.

Para Mera é “lamentábel que Belén Villar non se preocupara de convencer ao seu partido para que a Xunta dera o visto bo ao PXOM aprobado por BNG, PSOE e PP en Ponteareas”. Por iso cualifica de “hipócrita” que agora a candidata popular se queixe porque non lle gustan os cambios impostos desde a Xunta.

O BNG considera unha irresponsabilidade a postura do PP, de cuxo voto depende aprobar o Plan con maioría suficiente. Mera cre necesario aprobar o PXOM imposto pola Xunta, “aínda que non nos guste”, porque diso depende implantar novas empresas na Lomba, crear máis emprego, legalizar actividades con ameaza de peche e demolición ou conseguir terreos para aparcamentos municipais, parques públicos ou para a nova escola infantil. “Ou aprobamos o plan que impón a Xunta ou seguimos sen plan o resto da vida”, sentenciou o nacionalista, quen retou a Villar a “explicar a emprendedores, comerciantes ou empresarios a súa negativa a aprobar o Plan”. Mera pediu ao PP e Villar “que deixen dunha vez de prexudicar a Ponteareas”.