ponteareas

O PSOE ponteareán denuncia "a fuxida de concelleiros do PP e ACiP" do Pleno

O Partido Socialista de Ponteareas, a través da súa portavoz municipal e candidata á alcaldía, Chus Garrote, denunciou hoxe o que cualifica de "fuxida de concelleiros do Partido Popular e ACIP na metade da sesión plenaria", algo que Garrote sinala como "vergoñoso e inadmisible". “O que fixeron PP e ACIP foi insultar aos veciños e veciñas de Ponteareas”, afirma a concelleira socialista.

Estes feitos, explica a tenente de alcalde, sucédense despois do debate de dúas mocións relativas á N120 e a de saneamento de Ribadetea, que contaron cunha gran afluencia de público. “Non lles interesan os veciños, só a foto o aplauso fácil e vivir do conto”, engade Garrote.

Foi precisamente coa ausencia de público nas bancadas, cando os edís do Partido Popular e ACIP aproveitaron para abandonar os seus escanos como representantes dos veciños.

Chus Garrote, recórdalle á Belén Villar e a Juán Carlos González Carrera, así como aos demais membros da oposición, que "cada un dos concelleiros cobra do erario público unha asignación por pleno e por realizar un traballo que á vista está, non levaron a cabo".

O Partido Socialista insta aos concelleiros de Partido Popular e ACIP "a devolver íntegramente a súa asignación por ese pleno municipal" que cifran en algo máis de mil euros ou "fagan unha doazón a unha ONG local".

“Xa que non fixeron o seu traballo é xusto que eses cartos volvan aos veciños de Ponteareas” remata a candidata socialista.