ponteareas

ACiP "pensa en verde" e aposta pola biodiversidade en Ponteareas

Alternativa Ciudadana de Ponteareas, ACiP, vén de car a coñecer as iniciativas que inclúe no seu plan 'Biodiversidade' que busca a creación de "distintas e contornas que aposten por unha Ponteareas máis verde e respectuosa". ACiP aposta por un desenvolvemento "aparellado ao respecto polo medio ambiente, a reciclaxe e o aproveitamento dos recursos que nos ofrece unha contorna eminentemente rural". 

Entre esas medidas e segundo adianta o candidato á alcaldía dos independentes, Juan Carlos González Carrera, “o plan contempla a creación de catro parques caninos ao redor do centro urbano; en concreto na confluencia da rúa Rosalía de Castro e a avenida Fermín Bouza Brey, en Ponteareas cidade, en Santa Ana, preto da Praza Maior, e unha cuarta aproximadamente cara á metade da Avenida Castelao. Con iso habilítanse zonas adecuadas e exclusivas para as mascotas, accesibles para todos os veciños do centro urbano, sen que para iso teñan que realizar grandes percorridos, e habilitadas para un uso e goce de calidade, facendo especial fincapé no necesario e máis esixente mantemento que necesitan este tipo de instalacións”.

Nestas mesmas catro localizacións o plan Biodiversidade de ACiP contempla tamén a creación de áreas de compostaxe e a creación dun horto urbano na confluencia da Rúa Real coa Avenida Castelao. Unha leira de "xenerosas dimensións" que, seguindo o exemplo de grandes cidades, apostaría por achegar valor engadido para os máis novos e non tan novos. Sería, segundo o plan de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, unha propiedade posta a disposición dos cidadáns para que poidan practicar unha pequena agricultura sustentable e autosuficiente, pensando que o 53% da poboación de Ponteareas (ao redor de 13.000 persoas) viven no centro urbano e moitos deles nin teñen nin tiveron relación co rural. A medida incluiría a achega de medios para a formación e a colaboración cos centros escolares do concello para as visitas dos alumnos e a materialización de distintos proxectos.

“En xeral, Biodiversidade contempla iniciativas coas que ACiP pretende que Ponteareas avance pero que o faga con conciencia ecolóxica, pois con iso gañamos todos”, sentencia o candidato.