ponteareas

ACiP presenta os primeiros once compoñentes da súa lista ás municipais

Logo da presentación de Juan Carlos González Carrera como candidato á alcaldía de Ponteareas por ACiP, a formación independente deu a coñecer hoxe o que, coloquialmente chámase 'a lista de maioría absoluta' é dicir, no caso de Ponteareas cunha corporación composta por 21 concelleiros e concelleiras, os once primeiros postos da lista. Amais de González Carrera, na lista figuran Raquel Bautista, Jose Luis Rodríguez, Pablo Araujo, Ana Lorenzo, Manuel Gregores, José Luis Núñez, Montserrat González, José Fernández, Raquel Cabaleiro e Marcos Misa.

Segundo Alternativa Ciudadana de Ponteareas, a lista a veteranía dalgúns membros que repiten, coa xuventude e inquedanzas das novas incorporacións que, de calquera xeito, asegura ACiP "cremos que aportan coñecementos dabondo para asumir os cargos para os que se postulan".

Para González Carrera este equipo busca, ante todo "dar solucións aos problemas de todos os ponteareáns, dende os máis cativos ata os nosos maiores; os grandes esquecidos no actual goberno municipal da vila”.

Para o candidato á alcaldía por ACiP, o obxectivo "é o devolver a Ponteareas ao lugar de referencia que sempre ocupou" para o que, no caso de acadar o Goberno, aplicaranse "unha serie de medidas e políticas que fomenten o crecemento real do concello”.

ACiP chega as eleccións municipais de 2019 co convencemento de que "se poden cambiar as cousas" e de que existe "un xeito moito mellor de facer política para todos, e non só para uns poucos, como acontecía ata o de agora”.

Aos lemas empregados nestes últimos tempos –#seguimospretodeti, #24motivos24parroquias– agora engade ACiP dous máis "Tamén depende de ti e Sempre Ponteareas" que buscan ser un chamamento a cidadanía "para reverter a situación actual e como recoñecemento a integridade da vila, sen distincións entre persoas, colectivos ou parroquias".