ponteareas

O PSdeG-PSOE de Ponteareas cualifica de "histórico" o compromiso de Fomento

Logo do anuncio do Ministerio de Fomento de facerse cargo da redacción e execución das obras da circunvalación de Ponteareas, o PSOE ponteareá amosou a súa satisfacción ao mesmo tempo que a súa portavoz e tenente de alcalde do Concello de Ponteareas, Chus Garrote, adiantaba que o Ministerio "xa ten o anteproxecto, o que permitirá comezar coa redacción do mesmo e execución desta nova estrada o antes posible".

A tenente de alcalde ponteareá declara que as negociacións do PSdeG-PSOE ponteareá co Ministerio de Fomento "permitiron lograr un acordo histórico co goberno de España que beneficiará a Ponteareas para as vindeiras décadas". Este acordo, explica Garrote, supón que o Ministerio de Fomento "asuma o mantemento e conservación da Circunvalación, da PO-403 e da N-120, o que implica un aforro de millóns de euros para as arcas públicas de Ponteareas".

Os socialistas explican que o convenio asinado en plena campaña das municipais do 2015 polo anterior goberno de Solla, Feijóo e Rajoy "era prexudicial para Ponteareas", xa que obrigaba ao Concello a asumir uns costes millonarios para Ponteareas. “Con este novo acordo entre o Concello e o goberno de España, Ponteareas sae gañando”, sinala Chus Garrote.

Por outra parte, Chus Garrote manifestou a súa satisfacción co traballo e compromiso do goberno de España con Ponteareas. “Temos que agradecer que o goberno de España asuma a totalidade do proxecto ante a inacción da Xunta de Galicia”, manifesta Chus Garrote.