ponteareas

Font cualifica de "ridícula" a petición do PP para reclamar a variante de Ponteareas

 O voceiro do grupo socialista da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, cualificou hoxe de "ridícula" a moción na que o PPdeG reclamaba ao Goberno central "que habilite máis orzamento" para a variante de Ponteareas e a mellora da seguridade viaria da N-120. López Font reprochou aos populares que presenten agora esta proposta cando “en catro anos non lle reclamaron ao Goberno central que cumpra o compromiso de contratar, executar e financiar as obras, nin se lles ocorreu reclamar á Xunta de Galicia a redacción do proxecto construtivo desta vía”.

A deputada popular, a ponteareá Belén Villar, lamentaba hoxe que tanto BNG como PSOE non apoiasen nin defendesen aos veciños nesta demanda de hai anos. “É incrible que o deputado do BNG, Rafael Mosquera, do mesmo partido que o alcalde de Ponteareas, dixese que daba igual votar a favor que en contra. Tamén é sorprendente que o PSOE, o mesmo partido que a tenente de alcalde de Ponteareas, votase en contra. Está claro que a ningún lle importa nin a Variante nin as melloras na N-120, ambas revindicacións case históricas”.

Pola súa banda, o Goberno da Deputación de Pontevedra subliñaba no pleno da Corporación Provincial que o Ministerio de Fomento mantén o “compromiso firme” de executar a variante viaria de Ponteareas e de mellorar a estrada N-120 ao seu paso por este concello. 

Font sostivo que o anterior Goberno central “nunca tivo intención de converter en obras os orzamentos consignados” e lembrou que “non había nin proxecto nin convenio”. O deputado apuntou reproba que a moción do PP chegue semanas despois de que Fomento confirmase a súa intención de abordar a variante de Ponteareas, e tamén xusto despois de que o goberno de Ponteareas mantivese un encontro co Director Xeral de Estradas para tratar a concreción da nova vía entre a PO-403 e a N-120.

“Obvian vostedes que o director xeral manifestou o compromiso firme do ministerio coa variante, e por tanto co financiamento necesario para levala a cabo”, subliñou Font. A este respecto resalta que Fomento está a elaborar un estudo de alcance que permita coñecer as características concretas desta actuación e o seu importe, e de feito, xa hai data para a seguinte xuntanza na que o departamento estatal presentaralle ao goberno municipal os resultados do estudo. “É lamentable que presenten esta moción cando está prevista a convocatoria coa Xunta e o Concello para determinar a mellor forma de executar a variante no menor prazo”, afirma o deputado socialista.

Licitación por urxencia da N-120
Por outra banda, Font referiuse ao arranxo da estrada N-120 e lembrou que o ministerio xa deu traslado do compromiso de licitar canto antes a redacción do proxecto como obras de urxencia. “De novo caen no ridículo. Estou seguro de que non sinten pudor político, ou non terían presentado esta moción”, indicou. O portavoz do PSdeG lamenta ademais que o PPdeG reclame partidas para estas obras cando “nunca, incluíra o que incluíra, tiñan pensado votar a favor do orzamento xeral do Estado”. A moción foi rexeitada.