ponteareas

A Deputación destina preto de 115.000 euros á ao saneamento de Arcos en Bugarín

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno dun investimento de 113.980,63 euros do Plan Concello para realizar obras de mellora do saneamento nas parroquias de Arcos e Bugarín no Concello de Ponteareas. Este ano a institución provincial pon a disposición do municipio do Tea, ao través do Plan, un total de 1.208.481,9 euros, un 4,31% máis que no 2018.

Máis polo miúdo, vanse implantar colectores en Arcos e Bugarín co obxectivo de incrementar a dotación de infraestrutura de saneamento nas parroquias de Ponteareas. En Arcos, tres ramais darán servizo a quince vivendas ao conectarse á rede existente e conducir as augas recollidas á depuradora da Moscadeira para a súa depuración. No que respecta a Bugarín, un colector dará servizo a sete vivendas e será conectado á rede existente na parroquia que conduce as augas residuais á depuradora da Freixa. Por último, unha vez rematada a instalación da rede, procederase á reposición do firme de xeito que quede co seu estado actual.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 826.232,26 euros, o concello de Ponteareas tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 110.852,40 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 271.397,24 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 43 traballadores e traballadoras para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3% máis que no exercicio anterior.