ponteareas

ACiP asegura que o gasto do Paseo Matutino "superou o establecido inicialmente"

Alternativa Ciudadana de Ponteareas vén de denunciar que a obra de humanización do Paseo Matutino, que segundo o seu portavoz, Juan Carlos González Carrera, "foi a única que levou adiante o actual Goberno" supón un claro exemplo "de malgasto económico". As obras, iniciadas en setembro de 2018 deberían ter, segundo González Carrera, unha duración dun mes e medio "cando a realidade foi que rematouse 'inicialmente' o 30 de decembro" sendo orixe de contratempos e molestias "para veciños e comerciantes".

Lamenta Juan Carlos González que en pleno mes de decembro, "co inicio dunha campaña de Nadal tan importante para os comerciantes" o Goberno iniciara as obras de instalación dun novo colector. A maiores, sinala o portavoz de ACiP, a veciñanza "advertiu e denunciou que a execución dos traballos non era a correcta, pois se estaban mesturando as augas fecais coas pluviais".

Concluídas e certificadas as obras, ACiP asegura que algúns dos investimentos previstos non se executan "a sinalización, pintado e papeleiras" o que é para os independentes, "unha mostra de descontrol".

O desbordamento dunha das arquetas de fecais e o consecuente asolagamento da rúa, "leva ao concello a realizar unha nova contratación, agora por un importe de 19.000 euros, para abrir a rúa e reparar ese desaguisado", afirma ACiP que denuncia que, para as obras, cortárase a rúa ao completo "en lugar de facelo por tramos para facilitar o tráfico e, especialmente, o traballo dos comerciantes da zona".

Para Juan Carlos González Carrera, portavoz de ACiP, as obras deixan clara "a falta de coordinación" que da como resultado "malgastar miles de euros en tres actuacións que fartaron á cidadanía e que aínda non se solucionaron, cinco meses despois".