ponteareas

EU Ponteareas "convidada a marcharse" dunha xuntanza sobre os Orzamentos Xerais do Estado

Lino Costas, concelleiro de Esquerda Unida en Ponteareas Lino Costas, concelleiro de Esquerda Unida en Ponteareas

EU Ponteareas cualificou de "antidemocrático" o acontecido o pasado venres 18 de xaneiro, unha xuntanza no salón de plenos do concello entre os grupos da Corporación Municipal de Ponteareas e a Plataforma de afectados da N120 para tratar o asunto dos Orzamentos do Estado para 2019 onde o concelleiro de EU, Lino Costas, foi 'convidado' a marcharse ao "non compartir o posicionamento dos outros grupos da Corporación Municipal, PP, PSOE, ACiP, BNG e ARDT con respecto á variante de Ponteareas".

Deste xeito, impedíase a Lino Costas participar nunha xuntanza á que fora convocado o día anterior e "negándolle deste xeito –sinala EU– a tratar a cuestión da mellora da seguridade viaria da N120 ao seu paso por Ponteareas".

Segundo Esquerda Unida, o motivo desa 'invitación' é que ningún grupo da Corporación "quere escoitar as razóns de EU para opoñerse á chamada variante de Ponteareas" unha variante que EU considera "un engano continuado á veciñanza por motivos electoralistas". Doutra banda, EU lembra que Lino Costas está como representante na Corporación Municipal porque "foi votado pola veciñanza, polo que negarse a escoitar as súas razóns é unha actitude totalmente antidemocrática".

Con respecto á eliminación da previsión de gasto destinado á chamada variante de Ponteareas, no seu momento, Esquerda Unida de Ponteareas amosou o seu rexeitamento "por non considerala unha mellora real da mobilidade do Concello e por afectar de xeito moi grave ao entorno do río Uma".

Quere deixar claro a formación que representan Lino Costas, que non se opón á mellora do acceso a Ponteareas, pero considera que esta "non debe facerse a través dunha circunvalación ineficiente e de enorme impacto ambiental, se non a través doutras alternativas, como por exemplo o desdobramento da PO-403 ao seu paso por Angoares". En todo caso, EU considera que a mellora do acceso á vila de Ponteareas "debería facerse comezando por un estudo técnico que valore todas as alternativas".

Esquerda Unida afirma que os distintos gobernos do Estado "levan vinte anos xogando coa veciñanza" ao propoñer a posibilidade desta variante "que saben inxustificable" e lamenta que entren nese xogo o resto dos grupos da Corporación Municipal de Ponteareas.

No que a N-120 atinxe, EU amosou a súa disconformidade coa rebaixa do investimento destinado á mellora da seguridade viaria na N-120, que pasa dos seis millóns de euros a 100.000 euros, motivo polo que presentarán unha alegación a estes orzamentos "para que se manteña a partida contemplada nos anteriores de 2018". Manter cen mil euros como custe total desta obra, que incluiría construción de beirarrúas, rotondas, carril bici e pasos de peóns, cando anteriormente se contemplaban seis millóns, "sería tanto como recoñecer que non se ten pensado facer", asegura EU.

A agrupación local considera inexplicable que "non se lle dea a máxima prioridade a esta actuación da que depende a seguridade das persoas que utilizan a diario ese tramo da N 120". Esta decisión do actual goberno do Estado parece menos explicable "aínda cando existía un compromiso anterior da Dirección General de Carreteras, manifestado en distintas reunións mantidas coa corporación e con representantes da veciñanza de Ponteareas, de executar estas actuacións no prazo máis breve posible", conclúe Esquerda Unida.