Mondariz iniciará os traballos de mellora e posta en valor do Camiño de Pontevedra

O Concello de Mondariz iniciará os traballos de mellora e posta en valor do Camiño de Pontevedra, obras incluídas dentro do proxecto do Goberno local de recuperar aqueles viarios que, pese a ser moi utilizados pola veciñanza, levaban tempo sen que os sucesivos gobernos municipais tomaran medida algunha para o seu arranxo. Este é o caso do coñecido Camiño de Pontevedra, con inicio e remate na Avenida do Val (PO-252) e que tamén a cruza a metade de percorrido debido ao trazado sinuoso da antedita avenida.

O Camiño de Pontevedra, de algo máis de 150 metros de lonxitude, ten a súa parte superior (57 metros) de terra e a inferior (os 97 metros restantes) pavimentada con formigón pero con manifestas deficiencias.

Aproveitando as obras de pavimentación mellorarase a rede de pluviais e as instalacións do camiño como poden ser as arquetas de abastecemento, tendido eléctrico e mellora do alumeado público.
Como, amais da mellora búscase a súa posta en valor e devolverlle a importancia que sempre tivo, a pavimentación realizarase mediante pavimento de formigón impreso en cor gris con bandas transversais de granito cada cinco metros, o que permitirá a súa perfecta adecuación ao entorno en que está enclavado.

En canto aos traballos, e dado que se pretende facelos con visión de futuro, amais do tendido de canalizacións para a rede de pluviais, o cruce da Avenida do Val contará tamén cunha tubaxe de 110 mm de diámetro e 24 metros de lonxitude para, no futuro, soterrar a liña existente dende un poste de madeira que se atopa na contorna da PO-252.

No que á pavimentación atinxe, esta será de pavimento de formigón impreso de 10 cm de espesor con franxas transversais, cada cinco metros, de lousas de granito. Finalmente, os dous postes de alumeado público da parte inferior do camiño, contarán con brazos de iluminación con luminarias led.

Trátase de recuperar e manter aqueles camiños e viarios que forman parte do patrimonio de todos os veciños e veciñas e que son parte da historia deste municipio.