O BNG cualifica de “escándalo” o uso privado dun camión municipal en Mondariz Balneario

O portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Mondariz Balneario, César Gil, denunciou o que cualifica de “uso indebido do camión que a Deputación Provincial entregou ao Concello, no marco do desenvolvemento do Plan Revitaliza”. Trátase, segundo indica Gil, “dun pequeno camión dotado de guindastre destinado a funcións de apoio á implantación do programa de compostaxe do lixo”.

Tal e como lle trasladaron veciños da localidade ao portavoz do BNG, “a camioneta é utilizada por un empregado do concello para a realización de traballos de construción e reformas remunerados a particulares”. Os representantes do Bloque realizaron “un seguimento da queixa veciñal, podendo comprobar á súa veracidade”. “No último mes o traballador municipal utilizou en varias ocasións este e outros medios de traballo municipais, fóra da xornada habitual do seu traballo, en execución de obras en domicilios particulares”, indican dende o BNG.

O BNG obtivo “probas dos feitos” e asegura contar “con diversas testemuñas que así o acreditan”, polo que levará a Pleno a cuestión esixindo explicacións ao alcalde. Os nacionalistas indican que “José Antonio Lorenzo deberá responder ás preguntas coas que o BNG pretende coñecer se a actuación do traballador contou co permiso do rexedor ou se este actuou sen contar con ela.”

Dende o BNG sopesan pór en coñecemento da Fiscalía estes feitos, que segundo afirma Cesar Gil, “non é a primeira vez que suceden, e sospeitamos que son perfectamente coñecidos polo alcalde”. Gil asegura que os feitos “proban a arbitrariedade e descontrol existente na xestión municipal, especialmente na organización de persoal e medio municipais”. O portavoz do BNG resaltou tamén “a inadmisible competencia desleal e o dano que así se lle provoca a empresas do ramo legalmente establecidas no propio concello de Mondariz Balneario, onde crean emprego e riqueza”.

O BNG destaca que “feitos como este son consecuencia dos vicios adquiridos durante mais de trinta e seis anos de ocupación do poder municipal pola mesma persoa, polo que a necesidade de cambio en Mondariz Balneario é unha auténtica urxencia”.