As Neves consegue que a Xunta poña solución ao xiro no cruce de Setados

O Concello das Neves vén de conseguir que a Xunta de Galicia poña solución ao xiro no cruce da PO-400 na parroquia de Setados, cambiando a sinalización horizontal, mellorando a visibilidade e reforzando a seguridade. As xestións feitas polo Goberno local das Neves diante da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, deron resultado.

Este martes, a Consellería comezou as modificacións co pintado da sinalización horizontal desta estrada, de xeito que sexa posible realizar o xiro cara a pista que leva a Laxes, a Igrexa e que conecta coa maioría da parroquia de Setados.

cruce setados 02

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, subliña que trátase dunha medida “provisoria” de cara a que se artelle a solución definitiva que o Goberno local entende sería a ‘colocación’ dunha glorieta ou unha ‘raqueta’ neste cruzamento, “garantindo a seguridade para os vehículos e as veciñas e veciños que pasan camiñando por esta zona”.

cruce setados 03

A nova sinalización, que incorpora un espello no cruce, modifica o ancho dos carrís de circulación neste lugar, “mellora a visibilidade e fai máis doada e máis segura a saída cara As Neves, tal e coma pedían os habitantes de Setados e reclamamos dende o Goberno local”.

cruce setados 04

Ao mesmo tempo que se cambia a sinalización, o Concello está a levar adiante o asfaltado do treito dende este cruce ata a entrada da parroquia “que estaba en moi mal estado e que agora quedará arranxado cunha nova pavimentación”.