Porriño pecha marzo con 51 desempregados menos

Porriño pechou o pasado mes de marzo con 51 desempregados menos, volvendo rexistrar así un descenso do número de parados, que cae un 2,1% con respecto ao mes de febreiro. Segundo botan as cifras publicadas polo SEPE, a taxa de desemprego en Porriño sitúase no 15,86% cun total de 2.329 veciños en situación de desemprego. Así, nos últimos dous meses foron 163 as persoas que se deron de baixa como demandantes de emprego no noso municipio.

O Camiño de Santiago… en cinco etapas

O Concello de Mos organiza a actividade ‘Mos co Camiño’ consistente na realización a pé do Camiño Portugués de Mos a Santiago de Compostela repartido en 5 etapas. A iniciativa vai dirixida a todos os veciños e veciñas mosenses interesados en participar, que teñen de prazo de inscrición ata o vindeiro venres, día 10 de abril, presentando o impreso debidamente cumprimentado no Rexistro do Concello de Mos e xuntando copia do DNI. A lista de admitidos será publicada o luns 13 de abril.

A mocidade mosense poderá viaxar ao Courel

O Concello de Mos organiza unha excursión de fin de semana a Serra do Courel (Lugo) para a xuventude do municipio, os días 2 e 3 de maio. Os interesados terán de prazo ata o día 23 de abril para formalizar a súa inscrición.

II Carreira Popular en Pereiras

A Asociación de Festas San Miguel de Pereiras organiza a II Carreira Popular Pereiras-Mos que se celebrará o vindeiro 18 de abril ás 18.00 horas da tarde con saída e chegada á Igrexa de San Miguel de Pereiras. Trátase dunha carreira de categoría absoluta, isto é, para maiores de 18 anos, cronometrada, con probas de 10.000 metros e 5.000 metros e percorrido por asfalto.

Libros e artesanía, protagonistas no Porriño

Tras o éxito das pasadas edicións, o Concello de Porriño a través da Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso, organiza por quinto ano consecutivo a Feira do Libro e a Artesanía de Porriño. Dende este xoves e ata o sábado, en horario ininterrompido de 10:00 a 20:00 horas, poderanse visitar máis dunha vintena de postos na zona peonil de Porriño nos que artesáns e libreiros expoñerán artigos para a súa venda. Obxectos artesanais como abelorios, artigos de coiro ou olaría, rosquillas e Cup-Cakes, discos de música, películas e, por suposto, libros de toda índole son algúns dos produtos nos próximos días inundarán o centro de Porriño.

Suscribirse a este canal RSS