salceda 2017

Marcos Besada, exemplo de responsabilidade

Marcos Besada cos catro concelleiros e concelleiras que pasarán a formar o grupo municipal de Movemento Salceda: Alex Rodríguez, Loli Castiñeira, Miguel González e Lucía Pereira Marcos Besada cos catro concelleiros e concelleiras que pasarán a formar o grupo municipal de Movemento Salceda: Alex Rodríguez, Loli Castiñeira, Miguel González e Lucía Pereira

O alcalde en funcións de Salceda de Caselas, Marcos Besada, anunciou hoxe que non recollerá a súa acta para a seguinte lexislatura. Nunha carta feita pública hoxe, Besada sinala que son tempos de "reflexión honesta e responsable"

"O proxecto de cambio e transformación que botou a andar en xuño de 2007 –afirma o alcalde en funcións de Salceda de Caselas– é estratéxico e ten que ter continuidade nos vindeiros anos. Temos claro que as persoas que conformamos Movemento Salceda nunca dubidamos en antepoñer os intereses dos veciños e veciñas por enriba de calquera outros. Movemento Salceda é o instrumento do que nos dotamos dende a nosa autonomía municipalista para transformar, da man dos veciños e veciñas, a Salceda que queremos".

"Como Alcalde teño contribuído modestamente e poñendo todo o meu empeño, coñecementos e tempo nestes anos, para acadar os obxectivos marcados. Concibo a adicación política na defensa do ben común como espazo temporal, nunca como un fin en sí mesmo. Teño claro, chegado este intre, que a miña contribución plena a dirixir, xestionar e representar institucionalmente a Salceda está feita. Outros e outras, dende a Salceda en Movemento, teñen que asumir o relevo. O máis importante é o proxecto, e as persoas non somos imprescindibles, afortunadamente", asegura o rexedor local.

Marcos Besada agradece "profundamente" aos veciños e veciñas o "terme dado a oportunidade histórica de concederme democraticamente todos estes anos para ser o Alcalde de todos e todas: a máis alta distinción de traballar sempre por e para os veciños e veciñas de Salceda".

"Recoñecendo as miñas virtudes e tamén os meus defectos, creo modestamente que a Salceda de hoxe é ben diferente á que nos atopamos en 2007. E iso é froito dun inmenso traballo colectivo, un proxecto común que foi asumido nestes 12 anos por unha ampla maioría social", asegura Besada engadindo que "agora toca dar un impulso renovador e fresco ao proxecto colectivo que representamos. Os resultados do 26 de maio son un punto de inflexión: compre que as forzas políticas que representan á esquerda plural e á nosa condición de galegos e galegas nos poñamos de novo de acordo, para continuar xuntos, respectando as nosas lexítimas diferenzas, no proxecto de cambio e transformación iniciado no 2007 e que non debe ter marcha atrás".

"Os resultados electorais precipitaron o xa previsto: sempre foi o meu desexo, e tamén unha reflexión colectiva, que unha muller debería ser por fin a que rexira democraticamente os destinos e os intereses colectivos da cidadanía de Salceda, algo que non aconteceu ata agora, dende que en 1836 se creara o “Ayuntamiento Constitucional de Salceda”.

"Afortunadamente en Movemento Salceda, –continúa Besada– como proxecto colectivo e transversal, temos persoas capacitadas, honradas, honestas e responsables para asumir os novos retos e levar adiante as ideas e as propostas que presentamos públicamente nestas eleccións. É hora de que, tal como é o desexo da gran familia de Movemento Salceda, Loli Castiñeira asuma dende xa a dirección e coordinación do proxecto de cambio e transformación e da súa proxección futura".

"Anuncio a todos e todas, coa firme convicción do deber cumprido tras estes anos de adicación exclusiva a traballar e coordinar o equipo de persoas que me apoiaron nesta titánica e dura travesía, que non vou recoller a acta de concelleiro electo de cara ao Pleno de investidura do 15 de xuño. Un paso atrás para dar dous para adiante: grazas por darme tanto, por permitirme ser o voso humilde servidor, e as miñas desculpas por non ter feito máis pola Salceda que amo e levo no corazón. Aquí estarei, como un salcedense de a pe, como un compañeiro da Salceda en movemento, axudando humildemente e aportando os meus coñecementos e a miña experiencia vital, e seguirei dende a trincheira , no que me queda de vida, que espero que sexa moita, por honrar o pasado, traballar no presente e construir, como teño feito estes anos, a Salceda que soño".

E agora si, reiterando o meu agradecemento a todos e todas, coa vosa venia... “marcho que teño que marchar”, conclue Marcos Besada.