salceda 2017

O PSOE de Salceda presentou o domingo "un equipo preparado para gobernar"

Os Socialistas de Salceda de Caselas, presentaron onte domingo a súa candidatura ás eleccións municipais do vindeiro día 26. Tras o éxito electoral nas eleccións xerais, o PSOE presentou ante a veciñanza de Salceda de Caselas a candidatura que Verónica Tourón definiu como “un equipo preparado para gobernar”. O acto foi presentado por Iván Vaqueiro, que foi tenente alcalde do Porriño durante dúas lexislaturas, e Ana Valiño militante do PSdeG-PSOE e destacada dirixente da UXT, ante un auditorio cheo e entregado.

A presentación comezou cunha introdución por parte dos dous presentadores do acto e a chamada o escenario de todas as persoas que conforman a candidatura, seguido da exposición dun vídeo onde cada un deles resumía a razón pola que se unía ó equipo de Verónica Tourón.

Tras a emisión do vídeo fixo a súa intervención Rubén González Coto, número tres da candidatura, que fixo fincapé na necesidade dun goberno capaz de negociar cos traballadores para poñer fin á problemática existente no concello.

Interveu a continuación Guillermo Meijón, Deputado Nacional do PSdeG-PSOE, e antigo mestre no CEP Altamira, coñecedor das carencias e necesidades do ensino en Salceda polas que “Verónica leva anos traballando” e fixo vibrar o auditorio explicando as melloras que o primeiro goberno de Pedro Sánchez conseguiu en só oito meses, ademáis de animar á militancia socialista a seguir traballando para conseguir un goberno socialista en Salceda, sabedor dos resultados do Psoe en Salceda nas pasadas xerais.

A actual concelleira Gela Ledo e número dous , subiu tamén ó estrado tras a intervención de Meijón expoñendo o traballo realizado polo Grupo Municipal Socialista durante esta lexislatura e facendo especial mención a necesidade de implantar políticas sociais que non deixen ninguén atrás.

Tamén estiveron acompañados neste acto de Aitor Bouza, secretario xeral de Xuventudes Socialistas, que animou á mocidade de Salceda a colaborar por un futuro mellor para o concello e unha Salceda implicada coa xente nova, contando como anécdota que quixo mirar na web do concello que políticas había en Salceda para a xuventude e o apartado estaba totalmente baleiro.

Verónica Tourón, candidata á alcaldía pechou o acto, comezando polo agradecemento ó traballo realizado polas persoas da agrupación socialista durante todos estes anos. Mostrou tamén as liñas de goberno das que asegurou “non se ían desviar”: servizos públicos e de calidade, polígono industrial, plan xeral, planificación con sentido común, política económica eficiente e tendo sempre como eixo central a veciñanza de Salceda, nun goberno transparente, rigoroso e participativo.

Rematou agradecendo ós membros da candidatura que lle facilitasen o camiño e deran un paso adiante con ela e mostrando “o firme convencemento de que o 26 de maio Salceda terá un goberno socialista con novas ideas e boas formas, para traballar por mellorar a calidade de vida do lugar onde vivimos”.