O Porriño

O Centro Cultural do Porriño acolle a exposición fotográfica de Ruth Matilda Anderson

A Alcaldesa de Porriño, Eva García presidiu hoxe a inauguración da exposición 'Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia' que se exhibirá no Centro Cultural Municipal ata o 2 de xuño. Walter Alvarez , director territorial de ABanca e Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de AFundación, asistiron tamén en representación das institucións que trouxeron esta exposición ao Porriño.

Alejandro Lorenzo pecha tres mandatos en Chenlo para optar á Alcaldía do Porriño

O Centro Cultural de Chenlo acolleu onte o peche da lexislatura de Alejandro Lorenzo como alcalde pedáneo de Chenlo e a presentación do novo candidato popular á pedanía, Jacobo Alonso. Tras tres mandatos ao frente da ELM de Chenlo, Alejandro Lorenzo despediu esta etapa para encarar a súa candidatura á Alcaldía do Porriño dende onde, adiantou, seguirá a traballar por e para Chenlo e por e para O Porriño.

O BNG do Porriño adapta o seu programa electoral á lectura fácil

Este luns o BNG do Porriño reuniuse co grupo de autoxestores de ACEESCA para trasladarlle a adaptación á lectura fácil do seu programa electoral para as próximas eleccións municipais. “Seguimos dando pasos a prol da igualdade de dereitos para todas as veciñas e veciños, e o dereito de acceso á información debe ser universal", sinalou a formación nacionalista.

EU do Porriño reclama medidas para "unhas xornadas electorais en condicións"

Esquerda Unida do Porriño vén de reclamar que por parte do Concello adóptense as medidas necesarias para que cada vez que se vive unha xornada electoral "en lugar de ser unha festa da democracia convértese nun pesadelo para moitas veciñas e veciños do Porriño que acoden ao Colexio Fernández López a exercer o seu dereito a voto". EU pide que se habilite un espazo idóneo e accesible para que os veciños e veciñas poidan votar sen agobios.

"Longas colas en hora punta en pasillos estreitos; agobios pola acumulación de moitísima xente en pouco espazo; falta de información clara que tiña que ser compensada polos apoderados e apoderadas, dificultades para as persoas con problemas de mobilidade (cadeiras, sillas de bebés...); perigos por aglomeración de moita xente en pouco espazo..." son algunha das circunstancias que denuncia Esquerda Unida do Porriño e que son, asegura a formación, "tónica habitual en todas as xornadas de votacións".

O portavoz de EU no Porriño, Pedro Ocampo, lembra que o seu grupo "reclamou moitas veces en pleno, concretamente no último que se celebrou no Porriño, unha solución e aportamos ideas". Lonxe de adoptar medidas, explica, nestas xerais, cun 75% de participación, "vivimos estas situacións todavía máis agravadas e moita xente viuse superada pola situación".

"Unha xornada electoral ten que ser unha festa da democracia" afirma Ocampo e cunhas municipais ás portas e para "podela vivir sen agobios ou medo", chega con habilitar un espazo idóneo para o que EU propón, "como xa fixemos en pleno, as pistas cubertas do Colexio, que contan con espazo suficiente para información, acceso para persoas con problemas de mobilidade e amplitude para evitar agobios ou perigos derivados desa aglomeración de xente".

O BNG organiza un acto sobre as vindeiras eleccións municipais e europeas

O BNG convida a veciñanza de Mos e O Porriño a un acto público sobre as vindeiras eleccións europeas e municipais no que se contará coa presenza de Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo e que se desenvolverá o luns, 6 de maio, ás 20 oras no Centro Cívico do Porriño (Escola de Música). Xunto a ela estarán os candidatos do BNG ás alcaldías dos dous concellos, Gustavo Barcia e Pedro Pereira, amais de Ana Bastos, responsable local do BNG do Porriño e número dous da candidatura.

Suscribirse a este canal RSS