Todo en mans da U.D.D.L.

Estas Municipais 2019 deixan, nalgúns concellos, resultados nos que pode pasar de todo ou pode non pasar nada como é o caso do Porriño. O PP repite resultados con 8 representantes, e o PSOE repite os catro que xa tiña. A estes engádense os dous de Son en Común; os dous do BNG e o concelleiro en solitario de U.D.D.L (Unión Democrática da Louriña) que é, precisamente o que ten a chave do Goberno.

A cousa non debería ter maior problema porque, como pensan algúns con pouca memoria, U.D.D.L. xa gobernou co PSOE nesta lexislatura. Aos que pensan así, habería que lembrarlles que a alcaldesa Eva García de la Torre, a cinco ou seis meses vista das eleccións, cesou aos concelleiros da Unión Democrática da Louriña. Visto o visto, non é dificil sacar a conclusión que agradecido, agradecido... o que se di agradecido, Manuel Carrera, concelleiro de U.D.D.L., seguro que non está.

Así que, á hora de pactar, as cousas están complicadas. O PP con 8 e, da outra banda, PSOE, Son en Común e BNG con outros oito e, será o voto de U.D.D.L. o que decida. Vai ser, dende logo, unha decisión moi interesante.