Alejandro Lorenzo pecha tres mandatos en Chenlo para optar á Alcaldía do Porriño

O Centro Cultural de Chenlo acolleu onte o peche da lexislatura de Alejandro Lorenzo como alcalde pedáneo de Chenlo e a presentación do novo candidato popular á pedanía, Jacobo Alonso. Tras tres mandatos ao frente da ELM de Chenlo, Alejandro Lorenzo despediu esta etapa para encarar a súa candidatura á Alcaldía do Porriño dende onde, adiantou, seguirá a traballar por e para Chenlo e por e para O Porriño.

"Para min chegou o momento. Levo anos ao frente dunha Entidade con moitos recursos que conta cun remanente de tesourería moi alto e non podemos investilos por non ter competencias. Por iso teño que dar un paso máis, para poder non só mellorar Chenlo, senón todas as parroquias e o centro do Porriño", apuntou Alejandro, "Teño que dar ese paso porque teño o proxecto, teño a ilusión e teño as ganas".

Visiblemente emocionado e arroupado polos veciños e veciñas da entidade, Alejandro despediuse con palabras de agradecemento e referencias de homenaxe a todos aqueles que sempre traballaron pola entidade, con especial mención ao seu pai que o precedeu como Alcalde Pedáneo. Quixo resaltar tamén o seu agradecemento aos seus compañeiros da Entidade, "grazas ao meu equipo e a todos os meus veciños pola confianza mostrada todos estes anos e polo calor e agarimo de hoxe. Estes anos valeron a pena por todos vós".

AlejandroLorenzo peche lexislatura chenlo 02

O evento acolleu tamén o pase de testigo de Lorenzo ao candidato popular á pedanía de Chenlo, Jacobo Alonso, "despídome coa confianza e a seguridade de que Chenlo queda nas mellores mans, nas do meu amigo e compañeiro Jacobo Alonso, que sei traballará duro polos veciños e pola nosa Entidade como o fixemos xuntos ata o de agora".

Jacobo Alonso iniciou a súa intervención agradecendo ao seu predecesor, Lorenzo, "todas esas horas que lle adicou a esta parroquia, tanto na xestión da entidade, na axuda e preparación de festexos, colaboración e organización de actos culturais e tamén esas tantas veces que se enfundou as botas e correu a extinguir un incendio no noso monte".

O candidato á pedanía respaldou o discurso de Lorenzo lembrando que se trata dunha entidade con moitos recursos que, debido ao obrigado cumprimento da Regra de Gasto e a falta de competencia por ser case todas elas municipais, "mírase atada de mans á hora de investir". "Agardo que algún día a lei nos permita investir os nosos recursos. Sei que hai moitas necesidades para os nosos barrios dende saneamento, plan xeral, melloras de transporte, asfaltados... pero tamén son consciente de que estas melloras teñen que executarse dende o Concello de Porriño. Por iso desexo e sei que Alejandro que será alcalde non se olvidará da parroquia que o viu crecer", rematou o novo candidato á pedanía de Chenlo.