Porriño 2017

A veciñanza de Atios mobilízase contra os danos das canteiras

A Asociación de Afectados polas Canteiras de Vilafría e do Carbón vén de convocar a todos os veciños e veciñas de Atios a unha mobilización, o vindeiro domingo día 21, ás 12:00 hs., en protesta por como se está levando a cabo a restauración da canteira de Vilafría e para reclamar o pago das indemnizacións "que a industria do granito lle adebeda aos veciños polos danos causados nas súas vivendas", aseguran os convocantes.

Esta mobilización é a primeira das accións que os veciños dos barrios de Vilafría e do Carbón están dispostos a levar a cabo mentres non sexan atendidas as súas demandas. A Asociación cuestiona o papel do Servizo de Minas "por ser condescendente coas pretensións da empresa de non retirar totalmente o muro artificial construído nos anos noventa a modo de pantalla que minorase os efectos da canteira". Ainda que a actividade rematou, sinalan os afectados, "Minas consinte que parte do muro permaneza". Do mesmo xeito, a Asociación de Afectados polas Canteiras de Vilafría e Carbón é crítica co que cualifican de "actitude pasiva e cómplice do goberno local, que nunca se preocupou polo efecto que a restauración terá sobre os veciños de Vilafría". Ademais, aseguran, "emitiu un informe favorable ao proxecto de restauración inicial, que contemplaba manter o muro tal como está na actualidade".

As alegacións presentadas pola asociación de afectados e a comunidade de montes para que o proxecto de restauración e abandono de labores contemplase a retirada do muro artificial, foron atendidas polo Servizo de Minas, pero só en parte. A moción aprobada no pleno do concello do Porriño a instancias do BNG, axudou a facer público o problema e provocou que a empresa que acomete os traballos de rehabilitación accedera a falar cos veciños e rectificase o proxecto. "Pero a partir de aí a empresa actuou ás costas do veciños", asegura a Asociación que a acusa de "incumprir a súa promesa de presentarlle aos veciños o proxecto rectificado para que comprobaran cómo quedaría a pantalla unha vez rematada a restauración".

Os incumprimentos da industria do granito e da asociación que a representa, Pocasa, "son aínda máis graves no que atinxe ao pagamento dos danos que a actividade extractiva causou nas vivendas de Vilafría e O carbón" explica a Asociación de Afectados xa que, engaden, "as voaduras fóra de control provocaron fendas e derrubamentos en 55 casas da contorna". Despois de moitas negociacións infrutuosas, que acabaron en reclamacións xudiciais, "as empresas aínda adebedan 68.687,39 euros aos afectados. A isto hai que engadir os gastos xurídicos en que deberon incrurrir os veciños para reclamar os seus dereitos".