O persoal de 'Levantina' acepta un ERE para 161 persoas delas 18 do Porriño

O cadro de persoal de 'Levantina y Asociados de Minerales', referente mundial no sector da pedra natural, decidiu en asemblea aprobar a proposta de ERE extintivo pactada entre a dirección e os sindicatos que contempla o despido de 161 traballadorese traballadoras en todo o Estado, 18 do Porriño. O grupo alacantino rebaixou a súa pretensión inicial, que pasaba por rescindirlle o contrato a máis de 300 persoas, 33 delas galegas.

No que ao centro que 'Levantina' ten no Porriño, este ERE afectará a un total de 18 traballadores e traballadoras (14 de produción e 4 de oficinas). O acordo que vén de ser ratificado por ampla maioría nas asembleas celebradas nas distintas instalacións da empresa establece unha indemnización de 27 días por ano traballado, cun tope de 14 mensualidades, cantidades que as centrais foron quen de aumentar durante as negociacións celebradas en Alacante.

A asemblea de traballadoras e traballadores da fábrica do Porriño, que tivo lugar no día de hoxe, aprobou a proposta por máis de 60 votos a favor e 18 en contra, porcentaxe similar á rexistrada no conxunto do Estado, onde todas as fábricas lle deron luz verde ao preacordo, incluso a de Novelda 1, que vai ser pechada.