A Levantina despedirá a máis do 20% do persoal do centro do Porriño

O comité de empresa da trasnacional Levantina y Asociados de Minerales, referente mundial no sector da pedra natural, celebrou hoxe unha asemblea de traballadores e traballadoras para analizar o ERE extintivo que afectará a 33 persoas no centro de traballo do Porriño, o que representa máis do 20% do persoal. A representación sindical volverá a convocar aos traballadores unha vez se celebren as primeiras xuntanzas coa dirección, previstas para o vindeiro mércores 20 e para o xoves 21.

O grupo alacantino aplicaralle un ERE extintivo a máis da metade dos seus 600 empregados/as, a maior parte nos centros de traballo de Novelda, aínda que no caso do Porriño suporá o despido de 33 dos case 160 traballadores/as, o que supón máis dun 20% do cadro de persoal. Destes, 25 serían da área de produción e 8 de oficinas, aínda que Levantina aínda non detallou de que modo se levará a cabo a rescisión dos contratos.

Dende o comité de empresa (3 delegados/as da CIG, 3 de CCOO e 3 da UGT) de Levantina explican que as negociacións do ERE desenvolveranse en Alacante os vindeiros días 20, 21, 26 e 27 de marzo e 2, 3 e 9 de abril, sendo a data tope das conversas o 12 de abril. “A empresa anunciou que a medida aplicarase, haxa acordo ou non, o vindeiro 31 de xullo”, indican os representantes da CIG.

Entre as causas que esgrime a dirección para xustificar os despidos atópanse supostas perdas económicas derivadas dun exceso de produción e do descenso das ventas, así como problemas de distribución.

Na asemblea celebrada hoxe no centro de traballo do Porriño, o conxunto do cadro de persoal amosouse contrario ao ERE, abrindo a posibilidade de convocar protestas no caso de que a información que a empresa lle traslade á comisión negociadora non satisfaga ao cadro de persoal. “Acordamos volver a a convocar unha asemblea para analizar os detalles que nos facilite a dirección nas dúas primeiras xuntanzas, que terán lugar en Alacante os vindeiros mércores 20 e xoves 21”.

Con todo, dende o comité adiantaron, tal e como se decidiu na asemblea de hoxe, que proporán que o ERE "se lle aplique aos maiores de 55 anos e a quen teña cotizado un mínimo de 35 anos". “Tamén abrimos a posibilidade de que aquelas persoas que queiran acollerse voluntariamente poidan anotarse nunha lista que se lle trasladará á empresa”, sinalaron fontes sindicais.