O Porriño, Concello Amigo da Infancia, presenta a programación «Vive a cultura urbana»

«Vive a Cultura Urbana», programa de ocio activo dirixido á mocedade que comezará o vindeiro venres 15 de marzo, “é un xeito de darlle máis dimensión ó feito de que Porriño fose nomeada ‘Cidade Amiga da Infancia’ por UNICEF” manifestou a alcaldesa Eva García de la Torre na rolda de prensa celebrada no Concello porriñés. “Queremos prestar máis atención á franxa de idade de nenos de más de 11 anos que entran na adolescencia, a fin de que dispoñan de opcións de lecer axeitadas e saudables”, sinalou a rexedora local.

A programación está organizada en dous bloques: Deportes Urbanos e Música e Arte Urbana. Ofrécese a oportunidade aos mozos e mozas que participen de coñecer ata 12 disciplinas diferentes coma Breakdance, Parkour, Grafitti, Beatbox, Rap e outras, a través de diversos obradoiros distribuídos en seis datas que serán os venres de marzo, abril e maio. En total se sumarán 20 horas de actividade. Todas elas se van desenvolver na pista deportiva do parque infantil sito ao carón do cemiterio. «Vive a Cultura Urbana» rematará cun festival musical que terá lugar o 3 de maio.

vive cultura urbana porrinho 02

Pablo Castiñeira, director de «Vella Escola» explicou que “ao fin e ao cabo tratamos de achegar unha alternativa a outros tipos de ocio ligados ao consumo do alcohol”. «Vive a cultura urbana» pretende fixar hábitos saudables entre a mocidade; crear oportunidades profesionais que favorezan o emprendemento xuvenil e, finalmente, permitir o libre exercicio e goce do ocio como experiencia humana integral, sistema de protección social e factor de desenvolvemento humano.

Na presentación do programa estiveron presentes tamén Lourdes Moure, concelleira de Educación e Noelia De la Fuente Pérez, responsable da OMIX.