Eva García de la Torre reúnese con representantes do Foro de Empresarios de Galicia

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza con representantes do Foro de Empresarios de Galicia coa finalidade de tratar a necesidade do aproveitamento de chan industrial nos polígonos do Porriño. García de la Torre salientou que O Porriño conta con 1 millón de metros cadrados de chan industrial dispoñíbeis.

Ao mesmo tempo, a rexedora local subliñou a “necesidade urxente e perentoria” de que se atope xa o xeito de axilizar os trámites burocráticos que teñen que cumprir as empresas para poder radicarse na vila. A xuízo da alcaldesa, "a proliferación de organismos dependentes da Xunta de Galicia" e os prazos, cumplimentacions, requisitos e moitas veces formalidades case interminábeis de ‘papeleo’, "fan que haxa compañías que opten por Portugal onde a tramitación de permisos é moitísimo máis áxil”.

A alcaldesa, que está a manter contactos con diferentes entidades e asociacións privadas e organismos públicos para reactivar a chegada de novas empresas á vila, coincidiu cos empresarios en que hai unha “importantísima demanda de chan industrial” municipal no Porriño e que é “xa inaprazábel” poñelo canto antes a dispor das compañías que o están a solicitar.

Neste eido, Concello e empresarios traballarán xuntos nunha estratexia na para afrontar, ademais das dificultades que representa o poder dispor de chan, o facer que O Porriño, “seguramente a primeira zona industrializada de Galicia”,conte con comunicacións e servizos máis acaídos e demandados polas empresas e deste xeito poder contrarrestar o feito de que a presencia de empresas galegas nos parques industriais do norte de Portugal chegue ata o 50 por cento de ocupación das mesmas.