O xantar con Mariano Rajoy reúne en Mos a 1.000 persoas

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos e candidata á alcaldía ás eleccións municipais polo Partido Popular, exerceu de anfitrioa do xantar con Mariano Rajoy e Ana Pastor que reuniu en Mos a 1.000 simpatizantes das comarcas da Louriña e Baixo Miño. De feito, ademais de Nidia Arévalo, asistiron todos os candidatos e candidatas do partido ás alcaldías nestas comarcas: Alejandro Lorenzo, por Porriño; Santiago Rodríguez, por Salceda; Roberto Carrero, por A Guarda; José Ángel Fernández, por Tui; Esteban González, por Tomiño; María del Carmen Alonso, polo Rosal e Cristina Correa, por Oia.

Durante a súa intervención, Arévalo agradeceu o apoio constante de Rajoy co seu municipio, lembrando que era a terceira vez en que visitaba Mos (en 2003, como Ministro de Interior e, en 2016, como presidente do Goberno) e engadiu que “Mariano Rajoy é un home de partido, galego traballador, serio e eficiente ao que Mos lle debe moito. Foi él o que buscou a solución para o principal problema de Mos, acadando financiación para o túnel alternativo á A-55" e culpou a Pedro Sánchez que "eliminara este proxecto dun plumazo cando chegou ao goberno”.

Arévalo, que agradeceu tamén o apoio de Ana Pastor e de Alfonso Rueda, presentes no xantar, falou tamén da forza e ilusión coa que se presenta á alcaldía de Mos para revalidar a confianza de todos os mosenses. Coa defensa de Mos por riba de todo como bandeira, a candidata do Partido Popular referiuse ao traballo desenvolvido nestes anos á fronte do municipio. A alcaldesa e candidata á reelección polo PP fixo un resumo da transformación de Mos nestes anos en diferentes ámbitos d destacou as obras de saneamento desenvolvidas no concello, as dotacións para o benestar social, as obras de mellora nos puntos clave dos accesos e "un gran pulo na economía das empresas do Polígono da Veigadaña conseguindo xerar emprego para os mosenses”.