Mos adícalle o Pavillón Pena de Francia á atleta Soledad Castro

O Pavillón «Pena de Francia» de Mos leva, dende onte, o nome da atleta María Soledad Castro Soliño, en recoñecemento dos logros deportivos desta mosense que comezaba a súa andaina deportiva nun equipo de fútbol feminino de Tameiga, e pasándose aos 19 anos ao atletismo. A día de hoxe, no seu palmarés figuran camiponatos galegos e de España en campo a través, 3.000 e 10.000 metros e media maratón especialidade esta na que, no 2017, proclamábase campioa do mundo W-50 na cidade coreana de Daegu.

No acto de homeaxe, amais de familiares, amigos, e un nutrido público, estiveron presentes o xefe do servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde, Alberto Méndez; o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo; a concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e demais membros da Corporación Municipal mosense.

O acto contou coas actuacións da agrupación musical Argonat Band e de distintos clubes de patinaxe do Concello de Mos.

Amais do Campionato do Mundo de Media Maratón W-50 de Daegu no 2017, un ano antes, no 2016, proclamábase campioa do Mundo de Atletismo de Montaña W50 na localidade de Susa, pertencente á Rexión Piamontesa de Italia; en 2002 Campioa de Europa veterana de 5.000 m e 10.000 m en Potsdam (Alemaña); en 2003 Campioa do Mundo veterana de 10.000 m e Subcampioa do Mundo veterana de Campo a Través e 5.000 m en Carolina (Porto Rico); en 2004 Subcampioa de Europa de 5.000 m e 10.000 m en Århus-Randers (Dinamarca); en 2005 Campioa de Europa W35 de Media Maratón, 2ª xeral en Monte Gordo (Portugal). Amais, Soledad Castro recibía a Medalla ao Mérito do Concello de Mos no ano 2006.

E o 29 de maio de 2017 o Pleno do Concello aprobou, por unanimidade dos seus membros, dedicarlle o Pavillón Pena de Francia poñéndolle o seu nome.

Sole Castro é enormemente querida na súa parroquia, Dornelas. Esta excepcional muller que naceu un 25 de maio de 1965, é unha persoa inqueda, que pode presumir de excelencia en cada faceta que desenvolve, deportiva, artística, pictórica e literaria. Precisamente foi a artífice da postal oficial do Concello de Mos do Pasado Nadal e onte volveu a agasallar ao Concello cunha obra súa, neste caso unha acuarela do Pazo de Mos.

Nidia Arévalo, rexedora local mosense, declaraba onte sobre Soledad Castro que “é todo un exemplo de esforzo e superación polo que dende o Concello de Mos quixemos homenaxeala, en recoñecemento dos seus méritos, adicándolle este Pavillón. Sole é unha muller tímida, modesta e menuda que paradóxicamente ten a fortaleza física propia dos deportistas de élite. Non só é Campioa do Mundo, senón que ten un corazón como un mundo e iso é aínda máis importante. É unha gran embaixadora de Mos, un exemplo para todos nós, un espello no que mirarnos e que demostra sempre o orgullo e o cariño que sente polo seu pobo: sempre en contacto coa súa familia e os seus veciños, adorada pola súa parroquia, Dornelas, na que é todo un referente”.

Arévalo concluiu a súa intervención dándolle as grazas a Sole: “grazas de corazón, grazas unha e mil veces, por ser un orgullo para Mos, por formar parte da historia deste municipio. Mos recordarate e rendirache homenaxe por sempre”