14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaVigo e as súas comarcas lideran a ocupación turística da provincia na...

    Vigo e as súas comarcas lideran a ocupación turística da provincia na ponte de decembro

    A cidade viguesa bateu todos os récords cun 97% de ocupación e picos do 100%, mentres a comarca superou o 85%

    A cidade de Vigo e a súa comarca lideraron a ocupación turística da provincia e Galicia nesta pasada ponte de decembro con “datos extraordinarios”, que tamén se estenderon aos concellos limítrofes para dar cabida ao enorme número de persoas visitantes atraídas polo tirón da iluminación do Nadal. Cunha media de ocupación do 97% e picos do 100%, a cidade viguesa bateu todos os récords, resultado que tamén se achegou á comarca viguesa, cun 85% de media, con concellos como Baiona cun 87% e picos de ata o 95%, e plena ocupación do 100% nas vivendas turísticas.

    No total da provincia os datos de ocupación tamén foron máis que positivos. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu os datos científicos e estatísticos recompilados polo observatorio de Turismo Rías Baixas, que salientan unha ocupación media “do 70,3% ata o mércores festivo, que sobe por enriba do 80% se vemos a ocupación só ata o luns polo que seguimos a ser o gran puntal turístico de Galicia. En todas as provincias houbo moi bos datos pero ningún como o noso”. “Isto”, sinalou a presidenta, “ten que ter co esforzo de promoción desta Deputación, e o traballo do sector privado, ao que lle fago un extraordinario recoñecemento. É o máis activo en innovación, promoción e sostibilidade. Son un orgullo”.

    Carmela Silva asegurou que “todas as comarcas superaron con creces as expectativas”, situándose ás do sur como as máis beneficiadas polo tirón de Vigo. O Morrazo por exemplo chegou case ao 80% e O Condado e A Paradanta ao 75%. A comarca de Pontevedra logrou un 70%, O Salnés 65%, O Baixo Miño 55%, Deza e Terra de Montes 55% e a comarca de Caldas 47%.

    Tampouco quedaron atrás os datos do turismo rural, cunha ocupación media do 45,7% na provincia, “moi por enriba do habitual”. Nesta modalidade chegouse ao 72% no Morrazo, ao 57,2% na comarca de Vigo, ao 55,7% na comarca de Pontevedra, ao 47,6% no Salnés, ao 47,2% no Baixo Miño, ao 43,9% no Condado e A Paradanta, ao 42,8% na comarca de Caldas e ao 30% en Deza e Terra de Montes.

    O Castelo de Soutomaior confirmou a boa acollida das súas actividades de Nadal “rexistrando na ponte a visita de máis de 4200 persoas”, informou Carmela Silva. “1241 persoas pasaron pola billeteira para participar nos obradoiros e actividades dentro da fortaleza, con todas as prazas esgotadas e con lista de agarda”. Este dato é superado polo do exterior do Castelo, cando máis de 3000 persoas pasaron polo mercadiño de produtos de posibilidades Merca Nadal Km.0, o muíño das Afreitas recentemente restaurado e todos os elementos de iluminación dos xardíns. “Este último dato é particularmente positivo tendo en conta que tanto o martes como o mércores o recinto exterior estivo pechado polo temporal”, valorou a presidenta da Deputación.

    “2022 será un ano espectacular para o noso turismo”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, malia “toda a cautela”, asegurou que, “a non ser que volvamos ter problemas serios”, 2022 será “un ano espectacular e excepcional para o turismo da provincia, no que imos rachar con todos os datos que tivemos ata agora, como o foi este ano, xa que en 2021 mesmo superamos datos de antes da pandemia”. Carmela Silva afirmou que “a nosa provincia está de moda” e avanzou que a Deputación fará no vindeiro ano “un traballo inxente para que a xente coñeza o noso interior porque ten todo o que demandan as e os turistas, que buscan lugares ao aire libre con paisaxes extraordinarias, gastronomía de calidade e proximidade ou establecementos como casas rurais”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.