A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o marketing sostible, venda de produtos a través de Facebook e Instagram, plugins de WordPress para mellorar unha web, Covid e ciberseguridade, e a introdución ao inbound márketing.
En concreto, este martes 27 impartirase o obradoiro “Márketing sostible”. Estará a cargo de Fátima Faílde, posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, quen falará da importancia da ética nas estratexias de márketing. O mércores 28 pola mañá, Laura Carrera, posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, impartirá “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram” e, pola tarde, Guillermo Nass, TSU en deseñador gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, centrarase na importancia dos complementos de WordPress en “Plugins de WordPress para mellorar a túa web”.
Para finalizar, o xoves 29, será a quenda de “Covid e ciberseguridade en 2021” a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen falará das medidas básicas que se deben adoptar de sufrir un ciberataque. Por último, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá o taller “Introdución ao inbound márketing I”, que tratará das posibilidades que ofrece esta ferramenta.