11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSmartPeme ofrece esta semana catro novos obradoiros

    SmartPeme ofrece esta semana catro novos obradoiros

    A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito onlinee presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os talleres tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e Assembly, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais, fabricación dixital con impresoras de resina ou utilización do programa Power BI.

    Este martes 14 de xuño pola mañá, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá un obradoiro sobre fabricación dixital cos programas Onshape e Assembly. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VI – Assembly II”, ten como obxectivo coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital.

    O mércores 15 de xuño pola mañá, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, amosará os distintos aspectos sobre composición e deseño, ademais de diferenzas entre as imaxes que se subirán a contornas dixitais, ou as imaxes que se usan para un acabado de impresión, no obradoiro “Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais”.

    O xoves 16 de xuño, ás 11:00h, terán lugar dous talleres. O primeiro será “Fabricación dixital. Impresoras de Resina”, un novo itinerario de Fabricación dixital que comezou en maio, e no que se combinan clases telemáticas e presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire.  No segundo obradoiro, Laureano Pérez Soto, CEO de Datasight Consulting impartirá “Power Bi, a ferramenta analítica para o noso negocio ou Peme”, no que explicará qué é este sistema, o seu funcionamento e a importancia dos datos na toma de decisións das pemes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.