13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSanidade convida a doar sangue e lembra que é preciso obter entre...

    Sanidade convida a doar sangue e lembra que é preciso obter entre 400 e 500 doazóns diarias

    O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta semana a doar sangue ata a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visitou o Edificio administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro. No acto estivo presente a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García.

    A Consellería de Sanidade salienta a importancia de doar sangue, posto que a necesidade de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos supón obter unha cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias, para posibilitar, deste xeito, o axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial dos hospitais da rede sanitaria pública galega.

    Xenerosidade da cidadanía galega

    A Consellería de Sanidade remarca o carácter solidario da cidadanía galega que, mesmo no pasado ano que estivo marcado pola pandemia sanitaria da covid, non freou a xenerosidade e compromiso das galegas e galegos, xa que a nosa Comunidade consolidouse como a terceira do Estado en taxa de doazón de sangue.

    O departamento sanitario galego agradece a todas e todos os doantes de sangue a súa inestimable colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón, e lembra que se trata dun chamamento xeralizado a todos os doantes de sangue.

    Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue subliña que pon a disposición de toda a cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

    Doar, moi sinxelo

    Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.