Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Reciclaxe, inclusión e diversidade, protagonistas do Nadal máis sostible da Deputación

Madeira pintada, luces leed, pedras, vexetais, tarros reciclados e outros elementos reciclados son este ano as claves da decoración navideña que hoxe protagonizaron rapazas e rapaces de Igualarte e Juan XXIII

A aposta do Goberno de Carmela Silva polo respecto ao Medio Ambiente e a transición ecolóxica xa se reflexa este Nadal na decoración elixida para o Pazo Provincial de Pontevedra. Deste xeito, a presidenta provincial manifestou que “ten que haber un compromiso cos parámetros dos ODS proxectos pola ONU, porque o noso planeta non soporta que sigamos a tratalo como estamos a facer. Pero ademais do compromiso nas grandes decisións, temos que facelo na vida cotiá e este ano na Deputación decidimos apostar por unha decoración de Nadal sostible e respectuosa”.

Así, o Pazo da Deputación luce xa “marabillas de decoración de Nadal” feitas sobre madeiras, troncos, pedras, material reciclable e sostible, con luces LED e elementos “todos eles respectuosos co planeta”. Ademais, foron os elementos nos que participaron activamente as persoas integrantes de Igualarte e Juan XXIII, “grandes artistas, un orgullo e un exemplo para o conxunto da sociedade” –tal e como asegurou Carmela Silva–, que se encargaron de decorar o vestíbulo do Pazo con elementos de madeira pintados a man.

“Todas as persoas temos dereito a participar en todo, e todas e todos temos grandes capacidades e somos creativas e creativos, así que agradezo moito que Igualarte e Juan XXIII teñan participado con nós nun Nadal sostible”.

[su_image_carousel source=”media: 9787,9784,9785,9788″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Tamén se implicaron na decoración do vestíbulo as funcionarias e funcionarios da Deputación a través dunha campaña de comunicación interna. “O mundo o moven os afectos. Cando es capaz de crear espazos onde hai afecto, complicidade, colaboración, onde a xente traballa xunta cun proxecto común, a xente sempre resposta. E dende logo as funcionarias e funcionarios teñen respondido dunha forma que a min me fai sentir orgullosa, emocionada e moi leda por ver que aquí temos a grandes servidoras e servidores públicos”, manifestou Silva.

Deste xeito, a través da campaña de comunicación interna convidóuselles ás funcionarias e aos funcionarios a achegar botes de vidro das súas casas para configurar elementos decorativos e “o éxito foi moi grande, temos cerca de 1.500 botes que trouxeron as funcionarias e funcionarios sendo os servizos de RRHH, Igualdade e Areeiro os que máis botes recolleron”, salientou a presidenta quen aproveitou para facer “unha mención moi especial á Unidade Galopíns de Príncipe que fixo entrega de botellas de vidro decoradas”.

Xunto aos botes tamén se impulsou un concurso de decoración das dependencias da Deputación con materiais de reciclaxe e respectuosos co Medio Ambiente. “Teñen participado en total 20 servizos que serán avaliados pola funcionaria máis nova e a de maior idade e polo funcionario máis novo e o de maior idade. Haberá dous premios, con produtos de Rías Baixas, de proximidade e, polo tanto, máis ecolóxicos e respectuosos, que se entregarán o 20 de decembro, coincidindo co acto de entrega de distincións ás persoas que se xubilaron neste ano”.