A Xunta de Galicia vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras hixiénicas entre o alumnado matriculado nas etapas de Primaria, ESO e Educación Especial dos centros sostidos con fondos públicos que máis o necesite.
Tal e como establece a convocatoria, todos os alumnos que contan con axudas de material escolar da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no presente curso 2020-21 serán beneficiarios directos das máscaras, polo que neste caso non terán que formalizar ningunha solicitude.
O resto do alumnado −aínda que non conte con axuda de material escolar− tamén poderá beneficiarse do subministro de máscaras sempre que reúna o requisito de renda per capita igual ou inferior a 6.000 euros. Así mesmo, disporán de máscaras os alumnos que, independente da renda da unidade familiar, estean matriculados nun centro de Educación especial, suxeitos a garda ou tutela da Xunta de Galicia, ou teñan unha discapacidade igual ou superior ao 65%. En todos estes casos, para poder beneficiarse do reparto de máscaras, é obrigado que tramiten a correspondente solicitude, cuxo prazo para formalizala permanecerá aberto desde o luns día 16 ata o 27 de novembro.
Tendo en conta os criterios xa aplicados para as axudas ao material escolar, a previsión é que se beneficien do reparto gratuíto de máscaras de protección durante todo o curso escolar arredor de 100.000 alumnos de centros sostidos con fondos públicos.
Os encargados da adquisición e reparto de máscaras serán os propios centros educativos, seguindo o procedemento análogo que realizan anualmente co reparto das axudas de material escolar.
Máscaras transparentes para a aula de audición e linguaxe
Os centros adquirirán o material con cargo ao fondo de 7 millóns de euros de Reserva de Garantía Educativa habilitado pola Xunta de Galicia para o reforzo de medidas de seguridade para facer fronte á pandemia no eido educativo. Tamén adquirirán máscaras hixiénicas reutilizables transparentes para a atención na aula de audición e linguaxe, para o seu uso neste espazo tanto por parte do alumnado coma do profesorado.
Con esta Reserva de Garantía Educativa o Goberno galego amplía a partida total de gastos ordinarios dos centros para o presente curso, que ascende a 23,5 millóns de euros, o que supón un 42% máis ca o inicialmente previsto. Con esta dotación orzamentaria, os centros poderán adquirir material vencellado á prevención do risco sanitario e á loita contra a Covid-19, como máscaras hixiénicas reutilizables para o alumnado, pantallas faciais ou xel hidroalcohólico, entre outros.