10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOia incorpórase á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes da que forma...

    Oia incorpórase á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes da que forma parte a Deputacion de Pontevedra

    A presidenta da RDTI e da Deputación de Pontevedra destaca o carácter pioneiro do organismo provincial adheríndose hai tres anos a unha rede que hoxe é o estandarte da calidade e a competitividade turística

    A incorporación de catro novos destinos da provincia de Pontevedra á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (RDTI), aprobada onte pola súa Comisión Executiva, foi sinalada como unha excelente nova pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. A Deputación, única institución galega integrada na Executiva desta rede estatal promovida pola Secretaría de Estado de Turismo, valora as adhesións dos concellos de Pontevedra e Oia e das mancomunidades Terras de Pontevedra e do Morrazo, como un reforzo ás políticas turísticas pioneiras a prol do “modelo DTI” que se veñen desenvolvendo xa a escala provincial. De feito, a Deputación forma parte da Executiva do “club” dos destinos intelixentes de España dende o seu nacemento hai tres anos.

    As novas incorporacións provinciais á Rede DTI de Pontevedra e Oia, xunto cos concellos mancomunados en Terras (Pontevedra, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Vilaboa, Campo Lameiro, Barro e A Lama) e no Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) seguen os pasos que deron no seu día a Deputación de Pontevedra e, posteriormente, Sanxenxo, Vigo, Vilagarcía, Mancomunidade do Salnés e os municipios do GDR do Condado-Paradanta. Carmela Silva valora o substancial avance da presencia da provincia de Pontevedra a prol da calidade turística, un avance que se produce xusto no momento en que as portas péchanse temporalmente porque, outro dos acordos adoptados durante a Executiva da Rede celebrada hoxe foi o de non aceptar novas incorporacións ata que se desenvolvan os procesos de avaliación e calidade pendentes.

    As catro incorporacións da provincia de Pontevedra complétanse con outras 12 procedentes das outras provincias galegas e un total de 103 en toda España. A RDTI experimenta, por tanto, un forte crecemento pasando de 226 membros titulares a 329. Os membros titulares son as Entidades Locais que teñan recoñecida a condición de destino turístico intelixente por parte da Sociedade Estatal para a Xestión das Tecnoloxías Turísticas (Segittur) ou teñan iniciado a metodoloxía para acadalo). Ademais hai outros 63 membros institucionais (Administracións públicas que aínda non teñen iniciado o proceso), 89 colaboradores (asociacións e empresas) e 3 membros observadores, o que fai un total de 484 integrantes. A partir de agora, a rede tomarase un tempo para garantir que tódolos destinos adheridos avanzan no proceso e, ademais, impón un tope máximo de dous anos para os que aínda non o teñan iniciado.

    “A calidade turística non só é o futuro, senón o presente”

    “Un modelo de éxito, como demostra o aluvión de solicitudes de entrada”

    Carmela Silva subliñou que a iniciativa xurdida hai 3 anos “confirmouse como un éxito, como demostra este aluvión de solicitudes de entrada nunha rede da que a Deputación está dende o principio porque tiña moi claro que a calidade turística non só é o futuro, senón o presente”. Ademais recalcou o recoñecemento da importancia das deputacións para a consolidación do turismo baseado na dixitalización, na tecnoloxía e na calidade medida en tódolos aspectos que conforman a experiencia turística. Amosouse, finalmente, especialmente satisfeita da presencia final dos destinos galegos na rede. O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, precisamente reserva un papel protagonista para os destinos turísticos intelixentes introducindo convocatorias específicas para este tipo de destinos e para acelerar a dixitalización do sector.

    A Deputación de Pontevedra non só está na Rede DTI dende o principio, senón que, ademais, forma parte da súa Comisión Executiva como único representante institucional de Galicia. Esta Executiva, composta na actualidade por 9 membros, vai ser renovada. Hoxe mesmo aprobouse o proceso de renovación e designación da nova Executiva, que será a encargada de dirixir o proceso de consolidación da calidade turística española en destino durante o próximo trienio.

    Os destinos turísticos intelixentes, de acordo co Plan Nacional Integral de Turismo 2021-25, son aqueles que apostan pola innovación, as infraestruturas tecnolóxicas de vangarda, garantindo a sostibilidade, a accesibilidade e a alta calidade de vida tanto para as persoas visitantes como para as persoas residentes e todo elo monitorizado a través da metodoloxía estandarizada por Segittur, de xeito que é necesario cumprir un mínimo dun 80% os estándares fixados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.