14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO urbanista Jeff Speck defende na Facultade Ágora "as cidades camiñables" e...

    O urbanista Jeff Speck defende na Facultade Ágora “as cidades camiñables” e evitar “os grandes erros” dos EEUU coas cidades dispersas

    As vilas e cidades que recuperan o seu espazo público para as persoas son “máis eficientes” e xeran “dinámicas ascendentes” que se retroalimentan: canto máis atractivas son para vivir, máis poboación incorporan, máis melloran economicamente, son máis interesantes para os investimentos e ademais funcionan de maneira máis cohesionada e con maior inclusión social.

    Esa foi unha das principais conclusións do noveno seminario da Facultade Ágora sobre o espazo público, que hoxe levou o título de ‘Localidades atractivas’, e que fixo unha clara defensa dos cambios que se producen na vida da cidadanía cando se aposta por estratexias de vilas compactas, complexas e nas que se busca a calidade urbana e unha vida “visible” nas rúas e prazas.

    “En que cidades queremos vivir?” foi unha das preguntas que se puxeron sobre a mesa e o punto de partida para as intervencións do técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luis García Delgado, e o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas, que coincidiron ao asegurar que o deseño urbano condiciona de maneira drástica o desenvolvemento da economía e a sociedade.

    Jeff Speck, o recoñecido urbanista autor do libro ‘Walkable cities’, dirixiuse ás persoas asistentes á Facultade Ágora dende Boston na que foi a súa primeira intervención en exclusiva para España. Subliñou que as cidades europeas teñen moitos pasos gañados ás cidades americanas pola súa concepción urbana e puxo sobre a mesa exemplos do que non se debe facer, que resumiu no concepto das cidades dispersas que precisan do automóbil para todo.

    Speck, ante unha fotografía na que se vían persoas entrando nun ximnasio subidas a unha escaleira mecánica, apuntou que é preciso que a cidadanía volva dar sentido a camiñar, tanto por cuestións de saúde, de ecoloxía e de economía. Indicou que nos USA a cultura do motor está a decrecer e, en termos de liderado, comezando a darse conta de que é preciso darlle a volta ao modelo e apostar pola camiñabilidade.

    En canto ás localidades atractivas, Speck destacou que as cidades que máis invisten en recuperar os seus centros e espazos urbanos son “as que conseguen maior eficiencia”. Indicou que “se as cidades se deseñan arredor dos coches o resultado será que acabarán chocando uns cos outros”, algo que en EE UU provoca ademais que “o soño americano torne en pesadelos, porque as clases máis desfavorecidas destinan o 40% da súa renda ao transporte”.

    En canto á mellora na economía grazas á aposta por cidades ‘vivibles’ e recuperadas para as persoas, Speck relatou que os centros comerciais que os Estados Unidos exportaron dende hai décadas a outros países, agora mesmo -incluso antes da COVID- están morrendo e na bancarrota mentres que o comercio local está a despuntar. O motivo, segundo explicou, é que os modos de compra están a mudar: a xente que merca por prezo faino en liña a través de internet e a que compra pola experiencia busca espazos atractivos para facelo.

    “O pasatempo número un dos americanos é ir de compras (…) e queren estar nun ambiente que resulte emocionante, que resulte auténtico, que estea cheo de vida, e non parece ser tan interesante hoxendía esa experiencia artificial dun centro comercial. Compran por pracer e están máis interesados na vida, na variedade e na autenticidade dunha rúa de compras no centro. O comercio de venda polo miúdo, incluso despois da COVID, está a volver ás nosas rúas principais de forma eficaz, mentres que os centros comerciais están en declive”, insistiu.

    O catedrático García Delgado explicou na Facultade Ágora que o espazo público de calidade é chave, xunto á vivenda, para atraer poboación ou expulsala dunha localidade. Segundo o economista, cando se dan pasos para a mellora dos espazos creando localidades atractivas prodúcese unha dinámica ascendente xeneralizada: a calidade urbana atrae a persoas mellor formadas, o capital humano alto atrae investimentos, e estes e as persoas profesionais atraen a localización de sectores de alta tecnoloxía. “Canto mellor calidade do espazo público, mellor calidade da cidade, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes, máis produtivos, con densidades tecnolóxicas maiores”, salientou.

    Pola súa parte, o enxeñeiro pontevedrés Jesús Gómez Viñas, responsable técnico da reforma urbana en Pontevedra, relatou que o goberno local da cidade do Lérez tiña o obxectivo de mellorar a calidade urbana e a vida da cidadanía cando chegou á Alcaldía en 1999 e implicou a todos os departamentos municipais e a todas e todos os funcionarios: non só á equipa de enxeñería urbana, senón tamén á parte xurídica, á Policía Local, ao servizo de Cultura, Deportes, e Festas que organizan eventos na rúa, e a todos e cada un dos servizos. Dende entón o municipio de Pontevedra sumou poboación, conta cunha das maiores proporcións de xente moza de Galiza, ten un goberno local que resiste mellor que noutros puntos fronte ao comercio electrónico e está considerada unha das cidades exemplo de modelo urbano en todo o mundo.

    Jeff Speck: Canto máis se conduce, máis posibilidades de divorcio

    O urbanista Jeff Speck puxo por diante que o enfoque das cidades que primou a mediados do século XX nos Estados Unidos, con zonas de usos únicos en lugar de mixtos, estaba claramente equivocado. “Temos zonas de colexios, zonas de vivenda, zonas de comercios, zonas de traballo… que cada vez estaban máis lonxe unhas doutras e cada vez precisaban aparcamentos máis grandes que as propias instalacións pola obriga de ir sempre en coche. Iso é de volverse tolo, frustrante. Temos estudos que nos din que canto máis conducimos máis posibilidades temos de divorcio”, afirmou.

    O custe deste modelo a nivel económico, criticou, esixe ademais investimentos persoais, custes administrativos “xigantescos” en infraestruturas. “A solución é que se conduzan menos coches e que haxa transporte dispoñible. A revolución nas cidades americanas hoxendía está a ser a bicicleta e a creación de instalacións protexidas reducindo os carrís de circulación”.

    Speck fiou o cambio de modelo e de preferencias de mobilidade á concienciación dos líderes políticos, pero tamén ao cambio xeracional que nos USA está buscando volver ás cidades fronte ás urbanizacións diseminadas. “Hai que conseguir que a xente volte aos centros urbanos en lugar de construír máis. Temos que intentalo e investir máis en restaurar máis eses centros e espazos públicos”, sentenzou.

    José Luís García Delgado: Mellorar a calidade da cidade é mellorar a democracia

    O catedrático en Economía García Delgado coincidiu con Speck na obrigada elección da cidade compacta e complexa que deben facer as Administracións públicas para potenciar que todos os servizos estean preto, os administrativos e recreativos, os profesionais e os domésticos, fronte á cidade dispersa.

    Subliñou que o espazo público -do que dixo “afortunadamente a Rede Ágora e a Facultade Ágora insisten en que é un dereito equivalente á sanidade ou educación”- é un test para a cidade. “Dígame vostede que calidade de espazo público ten e direille que cidade é, e falo da calidade tanto por configuración como por uso, entendido como o xeito que ten a cidadanía de apropiarse do espazo público e participalo, de facer do espazo público un lugar de encontro e creativo no que ter relacións sociais e ordes de convivencia”, insistiu.

    Neste sentido, fixo un chamamento ás e aos responsables políticos presentes no seminario Ágora, asegurando que “mellorar o espazo público, a habitabilidade é mellorar as relacións entre as persoas e polo tanto a democracia”.

    Delgado engadiu que a cidade compacta e complexa, para ser unha “cidade desexable”, debe ter tamén outro ‘C’, o da cohesión social. Segundo afirmou, o grande reto de hoxe non só é o climático, para o que a cidade compacta e complexa pode axudar, senón tamén a loita contra a desigualdade. “Ata agora a evidencia empírica é que cando máis medra a cidade máis desigualdade hai e máis tendencia aos enclave ou guetos”.

    Terminou o seu relatorio cun eloxio da cidade de Pontevedra, da que dixo ten un patrimonio histórico extraordinario, “pero tamén cunha dimensión e unha calidade de servizos moi alta como se recoñece reiteradamente nos últimos anos con distincións de orde internacional”. “Alguén dixo que o futuro non será Tokio senón Pontevedra, serán máis cidades como esta. Ogallá sexa así. Porque Pontevedra é capital, berce de grandísimos arquitectos do século XX, Alejandro de la Sota, de Antonio Palacios… e aínda que só sexa por iso Pontevedra ten que puxar por ser unha cidade exemplar”, finalizou.

    Jesús Gómez Viñas: O espazo público, unha cuestión de mentalidade

    O técnico do Concello de Pontevedra presentou en Ágora o programa técnico que se aplicou no municipio en 1999 buscando cumprir co programa de goberno do equipo chegado á Alcaldía: mellorar a calidade de vida das persoas habitantes de Pontevedra a través da mellora da calidade urbana. Pero unha calidade urbana entendida non só a través dos espazos e materiais empregados, senón tamén a través da mellora da situación económica, de recuperar o patrimonio histórico, fomentar a autonomía dos rapaces, mellorar a mobilidade das persoas maiores e discapacitadas ou mellorar ambientalmente.

    Segundo dixo, o obxectivo de mellorar a vila nunca está acadado, xa que agora mesmo en carteira 12 proxectos de reforma de rúas , ademais de que dende hai anos estase a estender o modelo urbano ás parroquias do rural fomentando as áreas de centralidade.

    Sobre as reticencias á hora de implantar un modelo como o de Pontevedra ou o equivalente modelo Ágora da Deputación, Gómez Viñas fixo fincapé en que “é unha cuestión política e de mentalidade da poboación”. “O alcalde de Pontevedra tivo a valentía de asumir o compromiso adquirido coas persoas votantes e puxo en marcha o seu programa sabendo que aos catro anos ían examinalo”, explicou, para indicar que o persoal técnico está preparado para facer o que se fixo en Pontevedra e o contrario, que haxa máis espazos para o automóbil.

    Salientou que a recuperación do espazo público non é unha cuestión ideolóxica, senón unha cuestión de mentalidade. “Hoxe case ninguén pon en dúbida que o que se fixo en Pontevedra é o que hai que facer no resto de cidades, pero cando comezamos ninguén pensaba así. Hoxendía ningún cidadá de Pontevedra estaría disposto a dar marcha atrás”, finalizou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.