O Salón de Plenos do Pazo provincial encheuse este mércores coa xornada ‘Motivación e apoio a persoas con dificultades no acceso ao emprego’ organizada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do proxecto ‘Labora 2020’. O obxectivo desta actividade, á que asistiron máis de 100 persoas e que tamén se puido seguir por streaming a través da páxina web da Deputación, foi proporcionar claves para que as persoas pertencentes a colectivos vulnerables, e que polo tanto téñeno máis difícil á hora de acceder ao mercado laboral, poidan mellorar as súas habilidades, superar as barreiras para buscar traballo, fomentar a súa marca persoal e tamén coñecer diversas entidades que traballan pola inclusión no mercado do emprego. O deputado provincial Gregorio Agís asistiu á súa apertura.
O punto forte da xornada foi o relatorio de Laura Chica, psicóloga, escritora, formadora e coach experta en intelixencia emocional con máis de 50.000 seguidoras e seguidores en Instagram, 35.000 en Twitter e 14.000 en Facebook. A súa conferencia levou o título de ‘Desenvolvemento persoal e coaching’ e centrouse no concepto de ‘brillar’, “que non é flower power, senón a capacidade de apostar por un e por unha mesma. Todas as persoas temos capacidades pero o difícil é dar o paso adiante”, asegurou. Laura Chica salientou que “ante un mundo moi complexo e volátil só quedamos nós e os nosos recursos persoais, por iso sempre é o momento de darnos unha oportunidade”, para o cal é imprescindible “espirnos de todo o que non somos nós pero nos dixeron que eramos: os medos, as inseguridades…”.
Para brillar, Laura Chica deu “poderes” ás persoas participantes, comezando polo de escoller brillar e polo de coñecerse (“as nosas fortalezas fannos especiais”, afirmou). Para este segundo, propuxo como xogo que o público lle dixese á persoa sentada ao seu carón cales son os seus logros, “cousas que esquecemos e que tanto nos custaron”. Estes poderes de traballo interno culminan nos de arrodearse de “persoas que nos fagan medrar e nos permitan brillar” e tamén no de “proxectar cara ao exterior ese traballo, aprendendo a poñernos en valor cunha marca persoal baseada na autenticidade e na honestidade”. Eses poderes, dixo, conséguense con dúas claves: “agradecer a quen nos acompaña durante o camiño e agradecernos polo traballo que facemos; e facer, porque nada produce un cambio se non o levamos á acción”.
A coach da Escola Europea de Líderes, Yolanda Villar, centrou o seu relatorio ‘Superación de barreiras no proceso de busca de emprego: crenzas limitantes’ en tres eixos principais. O primeiro foi o das capacidades diferenciadoras, no que asegurou que “temos que identificar as capacidades que temos cada persoa para desempeñar un traballo óptimo, que é precisamente aquel para o que temos capacidades superiores á media”. Para iso é preciso derrubar as “crenzas limitantes, o que pensamos de xeito negativo sobre o noso talento”. Villar propuxo ás persoas que asistiron un exercicio: pór sobre o papel unha desas crenzas sobre si mesmas e identificar en que as prexudica, en que as beneficia e como serían as súas vidas sen elas. Tamén falou sobre autoliderado, a capacidade de xestionarse a si mesma ou mesmo. “Ten que haber coherencia entre quen somos e que amosamos” e lembrar que “o éxito componse dun 75% de actitudes e dun 25% de aptitudes”. Por último, Yolanda Villar deu 10 consellos para aplicar o marketing á hora de buscar traballo, como buscar un problema existente na empresa na que queremos traballar e especializarnos nel, desenvolver un plan de traballo para buscar emprego, ou facelo o mellor posible co que xa temos.
Na xornada de motivación de ‘Labora 2020’ tamén houbo tempo para falar con entidades que traballan para a inclusión laboral. O coordinador do servizo de emprego da Asociación Bata, Ignacio Rey, que traballa con persoas autistas e con outras formas de diversidade funcional mental, lembrou a necesidade de “sacar da zona de confort a estas persoas, xa que moitas non queren traballar porque teñen medo e porque queren estar en contornas amigables e predicibles”.
Rey lembrou que para haber inclusión laboral e social “estas persoas teñen que ter presenza física nas empresas, pero iso non abonda: teñen que ter participación e unha aprendizaxe”. Pola súa banda, o director da Fundación para o Emprego da Asociación Juan XXIII, Diego Chapela, lembrou a importancia de propiciar un cambio cultural na sociedade para mudar os prexuízos contra as persoas con diversidade funcional. “Isto conseguímolo creando emprego en contornas comunitarias, que permiten que estas persoas sexan vistas en situacións produtivas”. Falou tamén da necesidade de crear sinerxías, mesmo nos programas que se desenvolven dentro dunha mesma asociación, así como “buscar e desenvolver os seus talentos prestando apoios individualizados, pero sen crear falsas expectativas”.
A técnica de selección de persoal da empresa Clece Flavia González fixo fincapé en que “as administracións públicas e as empresas non poden ir por camiños diferentes para a inclusión, ao igual que as empresas non poden ir por outro camiño que a realidade, co que implica en cuestións de diversidade: os camiños teñen que ir en paralelo”. Ademais, González quixo derrubar un dos mitos sobre a contratación destas persoas, xa que asegurou que “moitas delas non bonifican, pero teñen un gran valor para a nosa empresa”, a segunda empregadora a nivel estatal de colectivos desfavorecidos, cun 12% do seu cadro de persoal (máis de 8.000 das 75.000 en total).
‘Labora 2020’ está destinado a mellorar a empregabilidade das persoas pertencentes a colectivos vulnerables: desempregadas de longa duración, menores de 30 anos, maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas, outros colectivos (como as vítimas de violencia de xénero ou de discriminación por orixe racial, orientación sexual e identidade de xénero, persoas con problemas de adicción, persoas sen fogar ou solicitantes de asilo) e persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos servizos sociais.
A través de ‘Labora 2020’, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e cun orzamento total de 4,8 millóns de euros, a Deputación organiza itinerarios formativos, integrados e personalizados en 16 concellos entre 2019 e 2021. Na primeira fase, as persoas interesadas xa se poden inscribir nun primeiro lote de 28 accións de sete dos 11 itinerarios previstos. Deste xeito, poderanse formar en actividades auxiliares de almacén; limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; dinamización de actividades de tempo libre educativo; socorrismo en instalacións acuáticas; actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; operacións básicas de restaurante e bar ou obter as competencias clave para a obtención do nivel 2. Pódense beneficiar 420 persoas e desenvolveranse en 12 concellos: Barro, Cambados, Cangas, O Grove, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilagarcía.
En total, en ‘Labora 2020’ poderán participar 855 persoas (un 53,3% de mulleres) e as accións desenvolveranse en 16 concellos, os mencionados anteriormente e tamén A Guarda, Moraña, Mos e Valga. Os outros 4 previstos e que se porán en marcha nas seguintes fases son os de formación profesional para o emprego, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, atención sociosanitaria a persoas no domicilio e xestión de chamadas de teleasistencia.