8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO ORAL da Deputación anima aos concellos para que impulsen a Axenda...

    O ORAL da Deputación anima aos concellos para que impulsen a Axenda 2030

    O ORAL da Deputación de Pontevedra celebrou a súa terceira xuntanza de coordinación e formación dende o comezo da pandemia para presentar un estudo pioneiro que enlaza as políticas fiscais municipais co impulso ao cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU. O deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, presidiu a sesión, na que participaron un total de 40 concellos da provincia, a maior parte deles telematicamente, e algúns de xeito presencial.

    Carlos Font definiu o estudo realizado polo ORAL como “valioso e pioneiro” e unha demostración de que as taxas e os impostos “son ferramentas para cambiar a sociedade cara un modelo máis xusto, solidario e sostible”. Neste senso destacou que a Axenda 2030 é “unha inquedanza compartida para a Deputación, que está xa nun elevado nivel de cumprimento, e os concellos”. O deputado aplaudiu este novo enfoque dende a fiscalidade como un paso máis na colaboración cos concellos e animou aos alcaldes/as e técnicos municipais a telo moi en conta.

    O estudo do ORAL, presentado pola súa directora, Inmaculada Viña, subliña que, cun impacto mínimo na recadación, pódense adoptar medidas como a exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os centros sanitarios de titularidade pública ou bonificalo nos edificios e casas unifamiliares con sistemas de aproveitamento térmico ou enerxético. Ademais, é posible bonificar o Imposto de Actividades Económicas (IAE) nas empresas que organicen transporte colectivo para o seu colectivo laboral ou que creen emprego. Tamén reducir o Imposto de Vehículos (IVTM) para as motorizacións respectuosas co medio ambiente ou o Imposto de Construcións (ICIO) nas vivendas de protección oficial. Asemade, o ORAL apunta á posibilidade de diferenciar as tarifas de determinadas taxas e prezos públicos para apoiar ás vítimas da violencia de xénero, ás familias numerosas ou monoparentais, ás persoas convivintes con diversidade funcional e ás persoas vulnerables.

    Por outra banda, durante a xuntanza presentáronse os modelos de ordenanzas de impostos e taxas para o ano 2022 coa intención de camiñar cara a unha unificación destes regulamentos en aras a acadar unha maior eficacia administrativa e seguridade xurídica nos procedementos de recadación. A continuación fíxose a presentación da Memoria do ORAL do ano 2020, que pechou cun índice de recadación voluntaria dun 85,8%, o que significou que dos 113,8 millóns de euros totais dos padróns de impostos e taxas municipais cobráronse, en período voluntario e dentro da anualidade, 100,6 millóns de euros. O dato foi aínda maior no IBI, superando o 90%. Carlos Font tamén destacou a recente posta en funcionamento da nova oficina central de información e atención integral en Pontevedra, á que cualificou como “a oficina non só da cidadanía, senón tamén dos concellos”.

    O Organismo de Recadación da Deputación atende de xeito presencial, telefónico e telemático a case medio millón de persoas ao ano procedentes dos 54 concellos delegantes dende os seus 23  centros de atención repartidos polo territorio provincial. Ocúpase non só da recadación municipal, senón tamén de servizos complementarios como a xestión catastral, así como o asesoramento técnico para a elaboración de ordenanzas municipais e trámites económico-administrativos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.