15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Grupo Socialista esixe á Xunta intensificar a campaña de vacinación e...

    O Grupo Socialista esixe á Xunta intensificar a campaña de vacinación e pide a Feijóo que “non se escude roturas de stock cando sabe que as vacinas están aí”

    Julio Torrado propón vacinar en todas as franxas horarias e días dispoñibles, así como reforzar o cadro de persoal de profesionais sanitarios para facer fronte á campaña

    O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de urxir á Xunta, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a intensificar a campaña de vacinación da covid. Torrado propuxo vacinar en todas as franxas horarias de días dispoñibles, así como reforzar o cadro de persoal de profesionais sanitarios, especialmente o de enfermaría.

    “Pedímoslle a Feijóo que non se escude en roturas de stock cando sabe que as vacinas están aí porque a Xunta forma parte do Consello Interterritorial e os seus técnicos validaron o plan de vacinación”, aseverou. Torrado criticou en que o presidente da Xunta “se sacou este conto da chistera para sementar incertezas entre a cidadanía”.

    Neste senso, o socialista incidiu en que “a vacina é a solución máis directa e máis inmediata para arranxar a situación que estamos vivindo” polo que “é imprescindible intensificar a vacinación”. Así, subliñou que “o sistema sanitario non ten agora mesmo ningún reto máis serio que dedicar todos os seus esforzos a vacinar contra a covid”.

    “Os primeiros datos de vacinación en Galicia amosan diversas posibilidades de mellora sobre a execución actual, tanto en volume como en operatividade”, aseverou o responsable socialista. Así, Torrado recalcou que dita mellora pasa por “unha maior dotación de recursos humanos que permita, a súa vez, vacinar á maior cantidade posible de persoas”.

    Nesta liña, destacou a importancia de “aproveitar os tempos e días para a vacinación, que semellan mellorables”. Así, propuxo “aproveitar o maior volume de horarios diarios posibles e organizar quendas para empregar as fins de semana e os días festivos para vacinar, que habitualmente non son de organización laboral ordinaria”.

    “Insuficientes” niveis de execución en Galicia

    O responsable socialista lamentou os niveis de execución actual da vacinación en Galicia, cando “o Ministerio de Sanidade ten garantido a subministración de doses de vacinación, con protocolos de entrega e calendarización para que as comunidades autónomas poidan desenvolver a práctica operativa da vacinación”.

    Torrado puxo como exemplo a campaña de vacinación do Principado de Asturias, “que notificou estar nos niveis óptimos de vacinación aplicando todas as doses das que dispón no menor tempo posible”. Así, destacou que na comunidade autónoma veciña “reforzaron amplamente o cadro de persoal de profesionais e aproveitaron todas as franxas horarias e días dispoñibles para vacinar”.

    Por último, o responsable socialista salientou na necesidade de “ter toda a preparación necesaria e os reforzos precisos para desenvolver esta campaña coa maior intensidade posible, aproveitando todas as posibilidades e espremendo ao máximo as opcións que o sistema sanitario ofrece, que son moitas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.