7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO CAAN pechou o ano cun total de 660 adopcións

    O CAAN pechou o ano cun total de 660 adopcións

    2021 foi o mellor ano da historia do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Se xa no 2020 se establecera un récord de adopcións, cun total de 583, no pasado ano foron 660 os animais que puideron atopar un novo fogar desde o centro, rompendo tamén, como subliñou Carmela Silva, o reto que se tiña marcado de lograr 600 adopcións. A presidenta provincial volveu felicitar ao equipo do CAAN, dirixido polo veterinario José Luis Pedreira, e a o deputado Manuel González, polo “compromiso e traballo en prol do benestar animal” que se ten reflectido nestes datos “extraordinarios”, que supoñen un aumento do 13,2% das adopcións. Neste 2022 xa son tamén 14 as adopcións logradas: “Agora o reto é chegar aos 700 e estou segura que o imos acadar”.

    Das 660 adopcións deste 2021, 1 foi en Portugal e o resto en España. A maioría foron en Galicia (574), seguida por Castela e León (54) e o resto repartíronse entre Madrid (13), Cataluña (5), País Vasco (5), Castela a Mancha (2), Asturias (2), Comunidade Valenciana (2), Estremadura (1) e Canarias (1). Das tramitadas en Galicia, 502 adopcións foron na provincia de Pontevedra, 36 na Coruña, 25 en Lugo e 11 en Ourense. O concello con máis adopcións foi Vigo (90), seguido de Pontevedra (52) e A Estrada (38), mentres que tamén destacaron Poio (26), Meis (25), Sanxenxo (24) ou Cambados (23).

    Carmela Silva fixo fincapé en que o reto inicial de chegar aos 600 cans e cadelas adoptados logrouse xa en novembro con “Col”, que viaxou ao seu novo fogar en Ribadumia, e tamén destacou que o pasado 2021 logrouse dar saída aos animais de maior idade no CAAN: “Macarena”, de 8 anos, unha mastín que chegara de Pontecesures; “Pitu”, de 10 anos, que chegara de Catoira; “Adia”, pastora alemá de 9 anos que viñera das Neves e “Paradita”, de 8 anos, mestiza recollida en Meaño. Na actualidade, o can que leva máis tempo no centro é “Posto”,un cruce de pitbull de tres anos que está desde o 2018 no CAAN, tras ser recollido en Redondela, e para o que se volveu facer un chamamento para a súa adopción.  

    Outro dos aspectos que subliñou Carmela Silva foi a “notable” redución da estancia dos animais no centro antes de ser adoptados, que no 2021 foi dunha media de 69,6 días fronte aos 123,8 días do 2020 (un 43,7% menos). “Estamos indo polo camiño que hai que ir, modernizando as instalacións, facendo que teñan instrumental veterinario de altísima calidade, dixitalizado, moderno, facendo que os animais estean cada vez mellor tratados e hai que destacar o excelente traballo que fai o persoal, que vai moito máis alá do que é a súa profesión”, destacou a presidenta.

    Os excepcionais datos de adopción, que tamén se incrementaron no caso das realizadas fóra de Galicia, son froito de moitas claves, como subliñou o veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, que agradeceu á Deputación os recursos destinados ao centro “porque é unha das mellores formas de poder realizar o noso traballo coa mellor garantía”.  Amais da motivación do persoal, Pedreira citou á busca activa da colaboración a través de asociacións e protectoras e, especialmente, “a calidade das adopcións”.  “Todos os cans saen do centro vacinados, identificados, desparasitados e esterilizados de forma gratuíta –explicou-. E iso é unha garantía sanitaria e de calidade nos animais que saen do CAAN, incluso moitos deles o fan con recondución do seu carácter. E intentamos que o can que se leve se adapte ás necesidades de cada persoa. Ese conxunto fai que o traballo teña maior calidade e que a xente confíe en nós para adoptar”.  “Para estar á cabeza do benestar animal –engadiu- temos que ter retos, que son os que nos motivan. E superarnos é que cada día haxa menos abandonos e máis adopcións, co que conseguiremos un mellor benestar. Nesa liña imos e estamos traballando”.

    Recollidas

    Na cruz da moeda hai que citar as 1.210 recollidas de animais que se produciron no pasado ano, un 5,7% máis que as do 2020. Delas, a metade é a que pode clasificarse como abandonos, xa que outros 608 animais puideron ser recuperados polos seus propietarios/as no lugar do aviso (362) ou no propio centro (246). Este aumento das recollidas rachou cunha tendencia á baixa que se manifestara nos anos anteriores, onde se pasara das 1.788 no 2018 ás 1.332 recollidas no 2019 e ás 1.144 no 2020.

    Fronte a esta situación, a Deputación veu insistindo nas campañas de concienciación e sensibilización, a última delas “EduCAANdo”, lanzada a finais do pasado ano dirixida especialmente a escolares de Primaria dos centros da provincia e que ten como peza central o libro “Benvida á casa, Onza”, do que xa se solicitaron máis de 1.500 os exemplares para o uso deste relato como material didáctico nas aulas. “De feito, os centros poden seguir solicitándoo–lembrou a presidenta- e animo a que o fagan. Seguimos con esa concienciación de que adoptar é o mellor sistema para ter unha mascota. Ter un animal é ter a alguén que forma parte da familia. Unha vez que adoptamos, temos que coidalo e ten que rematar a súa vida no noso fogar. Polo tanto, facemos un chamamento para a adopción e un chamamento en contra dos abandonos”.

    José Luis Pedreira incidiu así mesmo nos actuais baixos índices de identificación dos animais, citando que a metade dos 608 animais recuperados polos seus donos e donas carecían de chip. “Todos os cans e cadelas a estas alturas deberían estar identificados, porque conseguiríamos que o abandono fose menor”, apuntou, tras repetir que todos os animais que saen do CAAN fano con chip.

    Neste senso, Carmela Silva apuntou que a nova normativa estatal sobre protección animal establece unha serie de garantías polas que xa estaba a apostar a institución provincial. “Aquelo no que nós críamos e que estabamos poñendo en marcha agora está recollido nunha lei estatal que estou segura que vai conseguir ter mellores datos, sobre todo o que ten que ver cos abandonos e o benestar animal”, sinalou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.