20 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO AECT Río Miño, exemplo de como defender un territorio transfronteirizo pola...

    O AECT Río Miño, exemplo de como defender un territorio transfronteirizo pola súa xestión do peche da fronteira pola COVID

    O deputado Uxío Benítez participou nun seminario organizado polo Colegio da Frontera Norte de México emitido en directo para o Pacífico, América central e España

    O profesor de Estudos Transfronteirizos da Universidade de Arizona Francisco Lara-Valencia cualificou o AECT Río Miño “como un exemplo de como se deben defender os territorios transfronteirizos a nivel global”. Fíxoo na mesa redonda ‘O impacto da COVID-19 na fronteira España-Portugal’ celebrada onte dentro do proxecto ‘A reconfiguración das fronteiras no século XXI’, organizada polo Colegio da Frontera Norte de México con emisión online para todo o Pacífico, América central e España.

    Na xornada púxose sobre a mesa como a COVID pechou de maneira moi diferente as fronteiras de maneira global en todos os continentes, así como as particularidades en diferentes países, en concreto entre España e Portugal, pero tamén entre Estados Unidos, Canadá, México ou outros estados sudamericanos.

    O exemplo do acontecido no Río Miño centrou boa parte dos discursos dos participantes -moderados polo coordinador do Observatorio de Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Enrique Varela Álvarez-: o deputado e vicedirector do AECT Río Miño Uxío Benítez; o secretario xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas Pablo Rivera Búa; o catedrático de Xeografía Política da Complutense de Madrid Heriberto Cairo; e o profesor da Escola de Estudos Transfronteirizos e integrante da Universidade de Arizona, Francisco Lara Valencia.

    Este especialista subliñou que a probabilidade de peche total das fronteiras en estados e rexións é moito maior cando non existen antecedentes de cooperación transfronteiriza, polo que subliñou que a existencia de estruturas de gobernanza local e a actividade de organismos como o da AECT Rio Miño “son esenciais na xeración de esquemas innovativos para a xestión dos retos que xera, por exemplo, a propagación da COVID”.

    Subliñou, de feito, que cando organismos como o AECT non están presentes “simplemente non hai concertación e a acción dos gobernos centrais é moito máis prominente na xestión fronteiriza”, poñendo de manifesto que o peche da fronteira no Río Miño, a pesares de ter sido moi daniño para o territorio miñoto, podería aínda ter causado máis consecuencias negativas de non contar cunha institución directa que defendera os intereses da zona.

    Tamén o secretario xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, Pablo Rivera, centrou a súa participación no seminario no acontecido na ‘raia’ do Miño. Subliñou que a zona viviu 174 días de fronteira pechada, “un dato que sobrecolle porque foi moi difícil explicar á poboación que os gobernos estatais non tivesen un protocolo de actuación para cidades xemelgas que viven de fronte e traballan conxuntamente” a pesares de estar en países diferentes.

    Subliñou que nesta situación o AECT Rio Miño colleu as rendas das reivindicacións xuntando a todos os concellos e cámaras de ámbalas beiras da raia, mais que a consecuencia final foi que “a confianza entre as xentes galegas e portuguesas se viu deteriorada” pola acción dos seus gobernos centrais.

    Pola súa parte, o vicedirector do AECT Río Miño fixo un percorrido por todo o acontecido na pandemia, as protestas e reivindicacións conxuntas dos 16 municipios que conforman o agrupamento europeo a pesares das moi diferentes cores políticas. Lembrou que a día de hoxe séguese a reclamar a posta en marcha dunha tarxeta transfronteiriza, que se teñan en conta os gobernos locais na toma de decisións por ser os máis próximos ao territorio; así como que se implementen liñas de apoio específicas polo impacto dobre que tivo a COVID nos territorios de fronteira, así como medidas urxentes de dinamización.

    “As fronteiras son unha invención humana, unha barreira absurda e intanxible nun mundo global como o actual, nunha era como a dixital na que non se poden poñer barreiras. Hai que fortalecer as alianzas e apostar polas fronteiras dende as administracións como áreas de desenvolvemento, de creación e non de división marcando distancias artificiais”, subliñou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.