Domingo, 16 Marzo de 2025

O AECT Rio Minho aplaude a aposta de Portugal para destinar cartos estatais á fronteira

A ministra de Coesão portuguesa Ana Abrunhosa recoñece que a situación no Miño “foi dramática” durante os peches

O AECT Rio Minho foi anfitrión, en Vila Nova de Cerveira, do Encontro de Cooperación Transfronteiriza organizado en parcería co Goberno portugués e o CCDR-N para abordar os retos de futuro dos territorios transfronteirizos. O agrupamento, en boca do seu vicedirector Uxío Benítez, amosouse moi satisfeito polo resultado do encontro e, en concreto, polas declaracións da ministra de Coesão portuguesa, Ana Abrunhosa, quen se manifestou claramente a favor das teses que o AECT está a defender de maneira constante sobre a necesidade de destinar máis fondos tanto europeos como estatais ás zonas de fronteira, e sobre que os fondos europeos do POCTEP deben impactar de maneira específica nos territorios transfronteirizos en pro da súa recuperación e dinamización en lugar de deturpalos en outras zonas lonxanas á raia. 

No encontro, no que participaron as e os responsables de Reto democráfico e Fondos Europeos do Goberno Español,  a secretaria de Función Pública e Valorização do Interior por parte lusa, ademais do presidente da Xunta e da CCDR-N, reivindicouse a singularidade do territorio miñoto fronte a outras zonas raianas do estado “por ser a máis porosa e permeable” e tamén a “máis dinámica”.

Logo do peche da xornada, o vicedirector do AECT Uxío Benítez valorou moi positivamente o feito de que a primeira vez que un Goberno dun Estado organiza un encontro de cooperación transfronteiriza “tivera a ben” escoller unha localidade á beira do Miño, concretamente Vila Nova de Cerveira, como lugar onde reunir a todas as entidades transfronteirizas de España e Portugal.

Imaxe de Rafa Estévez ©

O nacionalista manifestou, así mesmo, a súa satisfacción polo desenvolvemento do acto e o intercambio de experiencias. Sobre todo, valorou positivamente as declaracións da máxima responsable do goberno portugués, a ministra de Coesão Ana Abrunhosa, quen subliñou que a cooperación transfronteiriza é unha auténtica prioridade do Goberno Portugués, defendeu que debe haber máis financiamento para a fronteira incluso máis alá dos cartos europeos de cooperación transfronteiriza –tamén cartos estatais-, e reclamou que os fondos do POCTEP teñan o impacto e o centro da súa acción nos territorios reais de fronteira. “Nós celebramos esas manifestacións da ministra que veñen a dicir o que leva dicindo o AECT moito tempo”, insistiu Benítez.

A ministra Abrunhosa recoñeceu, de feito, que o peche da fronteira durante dúas ocasións na pandemia supuxo para o territorio do Miño unha “situación dramática”. Asumiu que a decisión dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa tivo un impacto moi negativo e manifestou o seu desexo de “non volver a iso”. Pola contra, anunciou que o territorio do Miño ten o compromiso do goberno portugués de que vai ser “o beneficiario dos máis simbólicos investimentos dos últimos anos”, ao tempo que manifestou que o goberno portugués vai reforzar os proxectos do POCTEP e canalizar máis iniciativas neste territorio que no pasado.

Foi nese sentido que Abrunhosa amosou a súa insatisfacción co mapa POCTEP proposto pola Comisión Europea, asegurando que os proxectos deben ter o seu impacto na fronteira, algo que non acontece “e que nos incomoda” por incluír territorios non transfronteirizos: “Eses –dixo- poden ser beneficiarios doutro tipo de axudas”.

Na mesma liña que a ministra se manifestou o presidente do CCDR-N Antonio Cunha, quen reivindicou que o territorio galego e do Norte de Portugal debe ser “ambicioso e visionario” e procurar fontes alternativas de financiamento ademais de conseguir moitas candidaturas no próximo cadro europeo 21-27.

Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, manifestou a existencia de “moitas expectativas” para que o territorio do Miño poida recuperarse tras o encerramento. Subliñou a necesidade de poñer en marcha a tarxeta transfronteiriza que facilite a mobilidade da cidadanía da raia, a implementación dun ITI para desenvolver economicamente o territorio, así como a inxección de fondos de resiliencia e recuperación: “A fronteira agarda un plan real e oficial para o territorio transfronteirizo”, finalizou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, centrou a súa intervención na defensa do rexionalismo europeo e no entramado complexo que debe seguir a cooperación transfronteiriza grazas aos gobernos locais, rexionais e estatais. “Temos que reivindicar esta terra –Galiza- como xerme do europeísmo. Os raianos fomos os primeiros europeos que existiron”, subliñou.

Altos cartos estatais e rexionais

Entre os altos cargos que estiveron presentes no encontro de Cooperación Transfronteiriza estiveron tanto presencial como de maneira telemática o secretario de Estado de Política Territorial e Función Pública (España), Víctor Francos; o embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes; a  embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos Roig; e a secretária de Estado da Valorização do Interior (Portugal), Isabel Ferreira.

A parte de ‘Desafíos futuros’ foi moderada polo integrante do Grupo de Trabalho da Estratégia Comum de Desenvolvimento Transfronteiriço (ECDT) da Universidade do Porto, José Alberto Rio Fernandes. Este deu paso á conferencia sobre a ‘Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteiriço (ECDT)’, impartida polo secretario Xeral de Reto Demográfico (España), Francesc Boya Alós, ao que seguirán  o presidente do Conselho Diretivo da Agência para o Desenvolvimento e Coesão, IP (Portugal), Nuno Oliveira dos Santos e a secretaria Xeral de Fondos Europeos (España), Mercedes Caballero Fernandez, que falaron sobre ‘A importancia dos próximos programas de cooperación territorial transfronteiriza’. Tamén participaron, achegando as ‘Visións rexionais’ o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller e o vice-Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, Beraldino Pinto.

 Na parte de intercambio de experiencias, o vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, expuxo o traballo realizado coa marca turística ‘Rio Minho’. Participaron tamén expoñendo o ‘Programa IACOBUS’ o responsable do AECT Galiza- Norte de Portugal, Xosé Lago; falou sobre ‘TUT – Transporte Urbano Transfronteirizo’ o integrantes da Eurocidade Chaves- Verín, Nuno Vaz; abordou o ‘Territorio Museo’, o integrante da Eurocidade do Guadiana, Luís Romão; expuxo o proxecto ‘Zasnet – Meseta Ibérica’ Hernâni Dias, do AECT Zasnet; falou sobre o ‘Cluster da Educación da Cencyl’ Cristina Oliveira, da Comunidade de Trabalho Rexión Centro de Portugal – Castela e León; abordouse o ‘Proxecto AGROPOL’ da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Alentejo-Centro-Extremadura, a cargo de Teresa Jorge e Clara Lourenço; e finalmente falouse sobre ‘Turismo Activo e os eixos fluviais: exemplo de Douro-Duero’ con representante da AIMRD – Associação Ibérica de Municípios Ribeirinhos do Douro, Jesús Rivas Rojo.