Mércores, 11 Decembro de 2024

Medio millón de euros da Deputación a 102 entidades sen ánimo de lucro para servizos sociais

Carmela Silva salienta o labor destas asociacións sen ánimo de lucro con colectivos de especial vulnerabilidade ou que precisan atención específica e destaca que os proxectos dan cobertura a "necesidades básicas"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno aprobará o día 29 a concesión das subvencións dirixidas á 102 entidades sen fins de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude na provincia. A institución investirá un orzamento de 499.000 euros no montante destas axudas e Carmela Silva quixo salientar “o labor que desenvolven na sociedade” as entidades beneficiadas, que prestan atención a colectivos en situación de especial vulnerabilidade.

Silva explicou que as 102 entidades están radicadas en vinte concellos e as subvencións foron adxudicadas “tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade”.

Engadiu a presidenta da Deputación que as axudas “teñen como obxectivo a realización de proxectos orientados á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar de colectivos que estean en especiais circunstancias e que sen dúbida precisan do apoio das administracións para poder ofrecer todos os servizos fundamentais que están a prestar”.

Máis polo miúdo, Silva citou que, entre outros, os proxectos subvencionados inclúen programas de respiro familiar, bancos de alimentos, terapias para persoas maiores, obradoiros, actividades de orientación e apoio á mocidade LGTBI, programas de acollida e desenvolvemento persoal da muller, actividades para persoas con enfermidades mentais, cancro, esclerose, autismo ou artrite entre outras doenzas; iniciativas para a prevención do alcoholismo; pedagoxías para nenos e nenas con diferentes dificultades; obradoiros para a prevención da violencia de xénero entre a mocidade; servizos de orientación laboral; vivendas tuteladas ou albergues para transeúntes ou proxectos de intervención socioeducativa.

“Son proxectos que cobren as necesidades básicas da sociedade –indicou–, en particular de aqueles colectivos que están nunha situación de especial vulnerabilidade ou que precisan unha atención específica”.