15.2 C
Pontevedra
Mércores, 29 de Novembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaManrique Fernández presenta en Vigo o seu libro de relatos «Os anxos...

    Manrique Fernández presenta en Vigo o seu libro de relatos «Os anxos indecisos»

    Terá lugar o venres, 13 de decembro, ás 20:00 horas, na libraría Cartabón, e o autor estará acompañado pola escritora Iria Collazo e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro

    Este venres, día 13 de decembro, o xornalista e escritor Manrique Fernández presentará na libraría Cartabón o seu novo libro de relatos ‘Os anxos indecisos’, publicado na colección ‘Literaria’ da Editorial Galaxia. O acto comezará ás 20:00 horas e o autor estará acompañado pola tamén escritora Iria Collazo e polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

    ‘Os anxos indecisos’ é unha colección de sete relatos cos que o autor pretende explorar a relevancia das decisións que tomamos e como afectan ás nosas vidas e ás de outros, así como a incertidume que pode chegar a provocar a dúbida á hora de facerlles fronte a esas decisións.

    Os relatos están ambientados en distintos escenarios pero todos eles falan de cuestións de actualidade, como a inmigración, os malos tratos á muller ou á infancia, a precariedade laboral, o papel dos medios de comunicación ou os desafiuzamentos, entre outros. Lonxe da iconografía habitual, os ‘anxos’ que protagonizan estes relatos non posúen nin ás nin plumas, senón pugas coas que se defender dunha sociedade hostil pola que se senten agredidos.

    Ao longo de todo o libro, o autor xoga con distintas voces narrativas para relatar cada historia, así como con diferentes técnicas e estilos cos que darlle variedade ao conxunto. As personaxes que protagonizan os relatos viven no límite, enfrontándose permanentemente a unha sociedade da que non se sinten parte e buscando un fío de luz ao que se aferrar para saír adiante.

    Manrique Fernández é xornalista e, ademais de narrativa, ten cultivado a poesía, o teatro, a biografía ou o ensaio. Tamén mantén un blog de recensións literarias, unha sección quincenal –O Meu Andel– neste xornal de Comarcas na Rede e colabora co Concello de Ponteareas e con outras entidades en diversas iniciativas culturais.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.