22.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMáis de 2.000 persoas gozaron este Nadal do teatro dende casa coas...

    Máis de 2.000 persoas gozaron este Nadal do teatro dende casa coas funcións virtuais de ‘Prendendo Butacas’

    A presidenta da Deputación destacou o éxito acadado coa esta nova iniciativa cultural on line na que participaron oito compañías da provincia

    O programa ‘Prendendo butacas na casa’, co que a Deputación quixo achegar este Nadal o teatro a todos os fogares da provincia, pechou o pano o pasado domingo 3 de xaneiro cun excepcional respaldo por parte do público. Deste xeito, as funcións virtuais que a institución provincial ofreceu a través da súa web foron seguidas por máis de dúas mil persoas ao longo destas festas. A presidenta provincial, Carmela Silva, quixo destacar este seguimento nesta primeira experiencia de teatro virtual que organizou a Deputación, logo de que as restricións da pandemia obrigaran a reformular as funcións presenciais previstas para o pasado outono en diversos concellos.

    Desde a pasada Noiteboa ata o domingo 3 de xaneiro ofrecéronse un total de oito funcións virtuais, cada unha delas a disposición do público durante 24 horas na páxina da Deputación á disposición da veciñanza, a cargo das compañías Cooperactiva, Butaca Zero, Ibuprofeno Teatro, A Feroz, Baobab Teatro, Viravolta, Tanxarina Títeres e Educa Teatro, maioritariamente da provincia. O pico das visitas rexistradas tivo lugar o día de Nadal, 25 de decembro, con preto de 200 para ver a obra ‘Camiños’, de Butaca Zero; seguida de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro.

    ‘Prendendo butacas na casa’ formou parte do programa desenvolvido pola institución para a ‘Re-acción Cultural’ na provincia, tendo coma obxectivo principal o de animar ao público a encher de novo os teatros en canto as condicións o permitan, así como devolverlles ás e aos profesionais da cultura todo o que ofreceron durante os meses de confinamento e do estado de alarma.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.